InicioSociedadeA alcaldesa de Moaña, sobre Rande: "É unha burla, o Goberno español...

A alcaldesa de Moaña, sobre Rande: “É unha burla, o Goberno español defende ás grandes compañías e aos fondos voitre”

A rexedora denuncia trato discriminatorio cos galegos e galegas, que con rendas das máis baixas de España están a soportar as peaxes máis altas na AP-9, e que este diñeiro esté a ser invertido noutras zonas do Estado.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Dende Xornal de Vigo, trala entrevista ao alcalde de Bueu, e a cobertura á concentración en Domaio o pasado domingo, continuamos o noso seguimento ao conflito de Rande entrevistando á rexedora do Concello de Moaña, Leticia Santos (BNG).

P- Decembro de 2017. O goberno de Moaña decide non acudir á inauguración de Rande, debido a que as obras aínda estaban sen rematar.

R- E, a caso, non se confirmou o que advertiamos? A pregunta agora é quen estaba en primeira plana. A veciñanza creo que ten xa claro quen defende os seus intereses e quen os dos seus amigos. O PP está xogando un papel clave. Eu teño ben claro que o meu soldo é pagado polos veciños e veciñas de Moaña, e baixo este concepto hai que actuar, en consecuencia.

Os meus xefes non son as empresas do Ibex senón a miña veciñanza. O goberno español está a poñer aquí aos fondos voitre e ás grandes compañías por diante dos cidadáns do Morrazo.

P- Ten razóns a veciñanza para estar molesta, como se amosou na concentración celebrada en Moaña o pasado domingo?

R- Claro que ten razóns, leva soportando as molestias continuas das obras desde que comezaron hai dous anos e desde febreiro os colapsos diarios sen que desde a institución competente, o Ministerio de Fomento, se nos dea ningún tipo de resposta, mesmo se atreven a restarlle importancia aos graves problemas que ocasionan as obras.

P- E teñen realmente os veciños/as capacidade de cambiar esta situación?

R- A cidadanía cada 4 anos temos a oportunidade de facer algo, e xulgar a quen nos administra. É un dereito fundamental, aínda que moita xente o exerza sen valorar as consecuencias do mesmo. Eu espero que a AP-9 sexa transferida a Galicia. Dende o BNG temos un recurso presentado, non lles vai quedar outra. Non teñen xa en que ampararse para seguir bloqueando as solicitudes unánimes do Parlamento Galego.

Leticia Santos, alcaldesa de Moaña / BNG

P- Quen ten o poder entre a concesionaria e Fomento?

R- Estes días xa enviaron un comunicado segundo o cal van valorar aínda a subida das barreiras para casos moi puntuais. Audasa non o da por bo e o Ministerio parece que o acepta.

P- Fomento está comunicándolles as súas decisións?

R- Ás alcaldías nin nos avisaron das obras nin dos prazos de execución das mesmas. Tampouco se coordinaron cos concellos para establecer un plan de tráfico e cortan carrís nas horas punta, incluso mentres tiñamos cortado tamén o corredor do Morrazo.

Agora que o corredor xa abriu, as caravanas siguen producíndose no acceso á ponte de Rande porque resulta imposible evacuar por un único carril a península do Morrazo ao completo.

Enviamos unha comunicación desde os gobernos de Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa ao Ministerio de Fomento en febreiro, pedindo unha reunión urxente e trasladando os problemas de colapsos que as obras nos estaban a ocasionar diariamente.

Non nos responden a ningunha das peticicións, nin nos dan información sobre as obras e aínda máis, envían unha carta dicindo que como non nos decatáramos de que se retomaban as obras en febreiro se mandaran nota de prensa..

É dicir, que os gobernos municipais temos que informarnos pola prensa do seguimento das obras de infraesturas que xa están inauguradas. Isto é unha falta de respecto institucional e coa nosa veciñanza tremenda, máis cos problemas que nos están a ocasionar e sufrimos nós.

P- Entenden que a relación entre institucións debe ser directa.

R- Si e máis coa nefasta xestión das obras que estamos a padecer. A coordinación entre administracións é fundamental para minimizar os efectos das obras. Emprazaramos ao Ministerio de Fomento a unha xuntanza este venres en Cangas, despois de levar esperando a que nos concedan unha reunión informativa desde febreiro, e non viu ninguén.

A información que temos segue a ser pola prensa, e ao parecer esta fase de obra vai durar ata finais de mes e despois chegará unha terceira que influirá “minimamente” ao tráfico, pero non sei xa como tomarme iso. Todo isto nos parece unha absoluta burla por parte de Fomento e esiximos solucións.

Rande dende Golf Domaio
Dende o campo de Golf de Domaio: panorámica de Rande / Miguel Nuñez

P- Coa continuación das obras, poden xerarse problemas de seguridade?

R- Poden e mesmo temos indicios de que a estrutura da ponte podería estar resentíndose trala colocación dos novos carrís exteriores, de aí os problemas de reaxuste dos tensores. Tamén cabe dicir que e os carrís exteriores son perigosos pola súa estreitez e a súa exposición directa ás inclemencias metereolóxicas, as pasarelas que os comunican cos carrís centrais da ponte para evacuar en caso de emerxencia están ocupadas con materiais de obra, que pasa se hai un accidente? Hai cousas que non son razoables.

P- Considera esta situación inxusta para os galegos e galegas?

R- Ata que punto podemos xustificar que esta sexa a autoestrada máis cara de todo o Estado? Temos que asumir vía suba das peaxes o custe destas obras, mentres cos impostos de galegos e galegas fanse obras noutros territorios e rescátanse autoestradas que, cando se inauguraron, xa se sabía que ían dar perdas e polo tanto que ía ter o Estado que recuperalas con indemnizacións millonarias ás concesionarias (radiais madrileñas, murcianas, etc).

E esta autoestrada que está totalmente amortizada e é das máis rendibles do Estado, temos que seguir soportando o pago de peaxes abusivas cando non existe unha infraestrutura alternativa á mesma. Mesmo saíu publicado en prensa que o custe das obras de ampliación xa foi recadado por Audasa co cobro das peaxes desde que comezaron a facelas.

O pobo galego está a ser discriminado desde o goberno do Estado, a pesar de ter solicitada a transferencia desta infraestructura, imprescindible na conexión do Eixo Atlántico, ata en tres ocasións o Parlamento Galego acadou un acordo unánime sobre este asunto pero o goberno do Estado negouse a que se debatera no Congreso.

Ademais volvo repetir que é a autoestrada máis cara do Estado, cando os salarios medios de Galiza son dos máis baixos. Tampouco quero esquecer que Audasa é propiedade de fondos de investimento que non reinvisten os seus beneficios no terrritorio, ademais de contar cun réxime fiscal moito máis beneficioso para a empresa ca as persoas autónomas ou as Pemes galegas.

É importante dicir tamén que Audasa ten unha bonificación do 95% sobre o IBI concedida por unha lei estatal franquista de 1972 que non foi derrogada ata o de agora, mentres as familias en risco de exclusión social non poden gozar por este feito de ningún tipo de bonificación. No caso do noso Concello Audasa tería que pagar en concepto deste imposto 20.000€ anuais mentres que só abona 1.000€.

P- E, todo isto, é legal?

R- Coma opinión persoal, coas últimas noticias xa me cuestiono se o legal é o lexítimo no Estado español, por exemplo co caso da Manada ou a condena ao rapeiro.

Pode ser legal porque a lei o ampara e os xuíces o determinan. É xusto? Ás veces as leis non son xustas, a lei en EE.UU. obrigaba a calquera persoa negra ceder o sitio a un branco no transporte público, porque tiñan preferencia; ata que esa lei foi abolida por racista. Coma cargo público teño o deber de respectar e acatar as sentenzas porque actúo en representación da miña veciñanza, agora ben, a nivel persoal, en ocasións non as comparto e mesmo cuestiono a súa lexitimidade.

Ponte Rande
Os catro carrís de Rande operativos /Miguel Núñez

ÚLTIMAS

Restablecen a circulación na ponte de Rande logo dun accidente múltiple que provocou retencións

A circulación na ponte de Rande quedou restablecida despois de algo máis dunha hora...

O AVE Vigo – Porto tardará 50 minutos, pero non se sabe cando estará operativo

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos...

A Xunta intervirá Ambulancias del Atlántico con tres técnicos de Tragsa e xestionará a entrega de nóminas

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO informaron, nun comunicado conxunto, do achegamento de posturas...

O BNG propón máis frecuencias ferroviarias entre Vigo e Santiago: “Comprar un billete está a converterse nunha odisea”

O BNG rexistrou iniciativas no Congreso e no Senado co obxectivo de que se aumenten as frecuencias...