“Segundo un informe de Oxfam Intermón, no Estado español a pobreza aumentou durante a crise catro veces máis do que se reduciu coa recuperación. Esta crecente fenda entre persoas ricas e pobres castiga sobre todo as mulleres”, subliñan nun recente informe o sindicato CIG. E os datos do Instituto Nacional de Estadística e o Instituto Galego de Estatística corroboran esta hipótese.
Estímase que o 22,2% das mulleres en Galiza viviron por debaixo do limiar da pobreza no ano 2017, practicamente unha de cada catro. A percepción da RISGA (Renda de Integración Social de Galiza) tamén apunta na mesma dirección. Segundo datos do Ministerio de Asuntos Sociais, no ano 2017 o 59% das persoas perceptoras desta en Galiza foron mulleres. Estes datos, para a CIG, constatan “a faciana de muller que ten a pobreza en Galiza”.
E é que no ano 2017, último ano do que dispoñemos datos da Axencia Tributaria, as mulleres en Galiza ingresaron de media 16.123 euros brutos anuais, e os homes 20.554 €, polo que a diferenza a favor dos homes foi de 4.431 € ao ano, o que sitúa a fenda salarial no 21,5%.
“Se comparamos 2017 co ano 2009, os ingresos salariais medios brutos anuais das mulleres medraron un 3,4%; os dos homes, un 1,4%. Neste mesmo período, os prezos -medidos a través do IPC- medraron un 12,7%. Así, a perda da poder adquisitivo da clase traballadora galega é evidente, tanto no caso dos homes como no das mulleres”, conclúen.
Por outra banda, se analizamos os datos do Instituto Nacional de Estadística, podemos comprobar que esta gran fenda salarial é común para todo o Estado. Hai que resaltar que non temos por que estar falando dun salario menor por un mesmo traballo, senón sexa cal sexa o emprego realizado.
Esta fenda é especialmente abultada na terceira idade. Así, entre maiores de 65 anos a diferencia porcentual de salarios entre homes e mulleres estivo entre o 40 e o 50% de 2009 a 2016.
Pero se cadra o máis interesante resulta comprobar como esta fenda non para de aumentar na mocidade. Así, se entre os homes e mulleres menores de 25 anos (liña azul), a diferenza salarial porcentual era dun 6% en 2009, e na actualidade supera o 10%, a pesar do alto nivel de formación da actual xeración de mulleres.
Regresando ao informe do sindicato CIG, resulta claro que “nos tramos de menores ingresos, ata 1,5 veces o SMI (Salario Mínimo Interprofesional), a porcentaxe de mulleres en cada tramo é superior á de homes. A partir deste volume de ingresos, en todos os tramos, a porcentaxe de homes é moi superior, sobre todo a partir de ingresos superiores a 4,5 veces o SMI, onde as diferenzas medran de maneira exponencial, acadándose a distancia maior entre as persoas con ingresos que superan en 10 veces o SMI. Neste caso, e para o ano 2017, en Galiza só eran mulleres o 17% das persoas deste grupo. O tan socorrido teito de cristal”.
E engaden: “O 37% das mulleres que declararon ingresos a Facenda no ano 2017 non chegaron ao SMI. O 20,5% non chega nin á metade deste”.
O aumento das desigualdades chega a niveis “inaceptábeis”, a ollos da Conferencial Internacional Galega: “No ano 2009 unha soa muller das de maiores ingresos cobraría o mesmo que 62 de menores ingresos; en 2017 a relación é de 1 a 85,2. Este forte medre da precarización é consecuencia de que as actividades en que máis medrou a ocupación foron as que teñen os ingresos por salarios máis baixos”.
Durante este período, do mesmo xeito que na economía xeral, no mercado de traballo feminino produciuse unha importante terceirización: “Así, cada vez o peso do sector servizos é maior; concretamente no ano 2017 o 87% das mulleres asalariadas en Galiza traballaban nalgunha actividade relacionada con este sector; no ano 2009 era o 85%. No resto dos sectores destruíuse emprego”.
Por último, no que respecta aos datos aportados polo Instituto Galego de Estatística, resulta revelador comparar o número de homes e mulleres con contratos temporais e indefinidos.
Consultamos os derradeiros datos (último trimestre de 2018) e os de 2005, 2010, e 2015, e sempre o número de homes con contrato indefinido é maior ao das mulleres. Este dato non parece por si só moi destacable, tendo en conta a “recente” incorporación en masa das mulleres ao mercado laboral, pero si á luz doutro dato: desde 2005 sempre hai máis galegas que galegos con contratos temporais, por ende máis precarios.
Ano | Galegos con contrato indefinido | Galegos con contrato temporal | Galegas con contrato indefinido | Galegas con contrato temporal |
2005 | 322.500 | 162.000 | 226.300 | 131.100 |
2010 | 359.000 | 102.700 | 290.400 | 113.300 |
2015 | 308.100 | 97.900 | 288.600 | 105.600 |
2018 (derradeiro semestre) | 331.700 | 108.300 | 314.800 | 118.500 |