O BNG de Vigo criticou este martes os anuncios realizados polo alcalde da cidade a respeito da programación do entroido. Xabier P. Igrexas, candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, valorou negativamente “a decisión de Abel Caballero de reducir a celebración a unha verbena coas actuacións dunha coñecida cantante de pop español e unha banda de rock madrileña”.
“Con decisións deste tipo o goberno municipal promove unha visión algo impostada e forzada que volve demostrar, unha vez máis, que ten unha visión cultural raquítica, acomplexada e con todo respecto, algo casposa” di o candidato nacionalista.
Pérez Igrexas recorda que somos unha das poucas cidades galegas cunha figura tradicional do entroido urbano, como son ‘os Merdeiros’, que foron recuperados hai poucos anos despois de ficar practicamente desaparecida desde os anos 20 do século pasado. Neste sentido, reivindicou “poñer en valor e potenciar o entroido vigués, cun forte acervo popular e con importante celebración en todos os barrios e parroquias da cidade”.

Fronte a contratación de dous espectáculos con grupos musicais foráneos, Igrexas demandou “valorizar as comparsas, as coplas de entroido e os pasarrúas” e apoiar con determinación ao “tecido cultural e veciñal que fai posíbel o entroido vigués“.
Tamén fai referencia o candidato do Bloque á intención de Abel Caballero de comparar o noso entroido co popular Carnaval de Río de Janeiro en Brasil. “Se se quere dimensionar o noso entroido hai que facelo dende o amor propio, dende a valorización de todo o que nos caracteriza”, reclamou.

E é que para Igrexas, Vigo, como parte de Galiza, disfruta dunha vantaxe que é unha enorme potencialidade polo feito de “termos un idioma propio que nos conecta cunha comunidade de 200 millóns de falantes en todo o mundo, o mesmo que falan en Río”, enfatizou en alusión á lusofonía. “Temos que poñer en valor a nosa cultura e o noso idioma e temos que conectalo con esa enorme comunidade internacional que partilla a nosa mesma visión”, sentencia.
“Se dalgo ten que ser escaparate o entroido de Vigo é da enorme potencia de creación musical que temos, con grupos propios que apostan pola nosa cultura”, remacha. O candidato do BNG lamenta que levamos anos padecendo esta situación tamén na programación das festas de verán e chama a non “aldraxar unha tradición tan importante” e “poñer en valor co que temos e contectalo coa lusofonía”.