InicioVigo e contornaVigoEstudantes da UVigo levan ao espazo un experimento para probar cámaras e...

Estudantes da UVigo levan ao espazo un experimento para probar cámaras e sensores de radiación

PUBLICADO O

- Advertisement -

Estudantes da Universidade de Vigo integrados na asociación UVigo SpaceLab conseguiron poñer en órbita o experimento CORTIS, unha iniciativa destinada a analizar o comportamento de cámaras e sensores de radiación no espazo e cuxos resultados serán empregados na preparación do futuro nanosatélite BIXO.

O dispositivo viaxou a bordo dun Falcon 9 de SpaceX, lanzado este xoves desde a base da Forza Espacial de Vandenberg, en California, nos Estados Unidos. CORTIS estaba instalado na plataforma orbital OSSIE, deseñada e fabricada pola empresa galega UARX Space, con sede en Nigrán.

A plataforma separouse do vehículo lanzador e quedou liberada en órbita ás 21.41 horas, momento a partir do cal comezaron as primeiras operacións para comprobar o seu funcionamento.

O experimento CORTIS, siglas de ‘Camara OBservation & Radiation Test in Space’, permitirá avaliar e comparar cámaras e sensores de radiación que posteriormente estarán presentes no cubesat BIXO. O obxectivo é comprobar previamente o comportamento destes compoñentes en condicións reais antes de empregalos na futura misión.

O lanzamento supón un novo paso para o alumnado implicado nos proxectos aeroespaciais da Universidade de Vigo, case oito anos despois da posta en órbita do cubesat Lume-1 por parte da Agrupación Aeroespacial.

“Xa non somos só un grupo de estudantes que ten ideas, senón un grupo de estudantes que consegue desenvolvelas e levalas do papel á órbita”, explicou Daniel Collarte, un dos participantes no proxecto.

Tras completarse a separación da plataforma mediante SAU&RON24, outro sistema desenvolvido por UARX Space, iniciouse a fase inicial de operacións en órbita.

Durante este período, os equipos encargados da misión deberán establecer e comprobar as comunicacións con OSSIE-D, avaliar o estado xeral do vehículo e estudar os datos de telemetría recibidos. Unha vez completadas estas tarefas, iranse activando de maneira progresiva os diferentes sistemas necesarios para continuar coa misión.

O proxecto CORTIS comezou en xullo de 2024 e o seu desenvolvemento concluíu en xuño de 2025 coa integración definitiva do experimento na plataforma orbital. A iniciativa xurdiu dentro da colaboración entre UVigo SpaceLab e UARX Space, unha oportunidade que os estudantes cualificaron como “marabillosa”.

Xa en órbita, o sistema recollerá periodicamente información sobre os niveis de radiación espacial, o que permitirá comparar o comportamento de diferentes sensores. Tamén servirá para validar unha cámara que conta con ‘Flight heritage’, termo empregado no sector para identificar equipos que xa voaron anteriormente e demostraron o seu funcionamento en condicións espaciais.

Será UARX Space quen se encargue directamente do tratamento dos datos. Posteriormente, a Universidade de Vigo recibirá a información agrupada en paquetes como usuaria do sistema. Ademais, en momentos determinados da misión, os estudantes poderán obter fotografías captadas por CORTIS desde o espazo.

A información recollida terá especial relevancia para o seguinte proxecto de UVigo SpaceLab, o cubesat BIXO, actualmente en fase de integración e validación dos seus diferentes subsistemas.

A súa futura misión terá carácter biolóxico: o nanosatélite transportará un cultivo bacteriano ao espazo para analizar os efectos dunha exposición prolongada ao ambiente espacial.

Os datos de radiación obtidos por CORTIS permitirán coñecer mellor as condicións ás que estarán sometidas as mostras e comprobar previamente a resposta dos sensores que formarán parte do nanosatélite.

BIXO incorporará tamén como carga secundaria a cámara con experiencia previa de voo que está sendo probada agora mediante CORTIS. Este dispositivo permitirá captar imaxes tanto do exterior da plataforma OSSIE como da Terra.

Segundo explicaron os estudantes, o equipo xa dispón de todas as pezas necesarias para construír os modelos de cualificación e de voo do nanosatélite. Unha vez finalizada a montaxe, comezará a fase de probas coa que UVigo SpaceLab continuará avanzando cara á futura posta en órbita de BIXO.

ÚLTIMAS

A Policía Local localiza en Salceda un veciño do Porriño desaparecido desde o xoves

A Policía Local de Salceda de Caselas localizou na tarde deste venres a Vicente...

Conxemar reúne en Vigo expertos internacionais para abordar os retos da pesca antes da apertura da feira

Vigo converterase desde este luns nun dos puntos de encontro internacionais do sector pesqueiro...

Unha explosión durante unha voadura nunha canteira do Porriño deixa catro traballadores feridos, un deles grave

Catro traballadores resultaron feridos, un deles de gravidade, nunha explosión rexistrada este venres nunha...

As familias de Vila Laura volven protestar en Vigo: “Estamos a pedir persoas para atender a persoas”

As familias da Escola de Educación Infantil Vila Laura de Vigo volveron concentrarse este...