A Xunta de Galicia ofreceu este venres ao Concello de Vigo a cesión a título gratuíto do inmoble da antiga estación de autobuses, situado na avenida de Madrid, unha zona que, segundo o novo plan xeral de ordenación municipal (PXOM), só ten como únicos usos posibles os de zona verde e viarias.
Nunha carta remitida ao goberno local, o Executivo autonómico abre a porta a tramitar o expediente de cesión “nas condicións actuais”, incluíndo a parcela e os seus accesos.
Nun comunicado, a Xunta explicou que o Concello solicitara a reversión do ben pero, tras analizar as diferentes opcións, o Goberno galego ve “imposible” o uso desa figura xurídica, “tendo en conta as circunstancias da adquisición dos terreos”.
“Unha vez analizadas as distintas alternativas de uso sobre o inmoble, a Administración autonómica considera que a cesión é a mellor opción para amparar a utilización dos terreos por parte do Concello, polo que a Xunta insta o goberno municipal a facer unha petición formal ante a Consellería de Facenda e Administración Pública nos termos indicados para, desta maneira, poder iniciar o expediente e formalizar a resolución”, sentenza.
CABALLERO
Ante este anuncio, a resposta do alcalde, Abel Caballero, non tardou en chegar. Nun audio enviado aos medios de comunicación, o rexedor lembrou que o Concello xa solicitara en varias ocasións que se “revertese” ao goberno local a estación unha vez terminou o seu uso.
“Non nos regalan nada, non é cesión, é nosa”, insistiu Caballero, lamentando o “lugar de marxinación moi forte” no que se converteron as instalacións desde o seu peche coa apertura de Vialia.
