Máis de 62 proxectos presentáronse á primeira edición da incubadora de alta tecnoloxía StarTIC, que se situará no VgoTIC Global HUB de López Moura, en Vigo, cuxas obras avanzan a bo ritmo. O director xeral da Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde), Javier Collado, visitou este mércores as obras do Edificio 4 do complexo que, unha vez finalizadas, acollerá a incubadora.
Liderada por Zona Franca, xunto á Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e o Centro Tecnolóxico Gradiant, StartTIC está orientada a proxectos de ámbitos estratéxicos como o 5G, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, a defensa, as comunicacións avanzadas e outras tecnoloxías habilitadoras dixitais, tal como indicou o Consorcio nun comunicado.
“O proxecto naceu ao amparo da iniciativa europea e forma parte da Rede de Incubadoras de Alta Tecnoloxía que a Fundación Incyde está a promover co obxectivo de reforzar o crecemento sustentable, a competitividade e a creación de emprego nas pemes”, engade.
A incubadora, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, está cofinanciada nun 60% polo Fondo Europeo Feder, tras obter a subvención xestionada tamén por Incyde. Acompañado do delegado do Estado, David Regades, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto a José García Costas, presidente da Cámara e de Luís Freire, director Xeral de Gradiant, Javier Collado coñeceu o proceso das obras no edificio que salvo a súa estrutura xa está totalmente demolido e que avanza en tempo e forma.
Unha vez pechada a inscrición, presentáronse ata 62 proxectos, dos que 30 serán agora seleccionados por un comité de avaliación. Contarán con tutorías personalizadas, asesoramento tecnolóxico, sesións de capacitación e networking, e acceso a infraestruturas avanzadas, que se desenvolverán de forma temporal no parque empresarial de Bouzas ata que estea finalizada a obra de López Moura.
Respecto dos subsectores TIC en que se encadran, destacan propostas relacionadas con desenvolvemento de software (aplicacións, videoxogos, etc.) e con procesamiento de datos, hosting e en xeral actividade de portais web. As propostas aplican unha ampla gama de tecnoloxías TIC, entre as que sobresae o uso de Intelixencia Artificial (71%), así como as súas modalidades generativa e agéntica. Tamén destaca o uso de Tecnoloxías de confianza e Ciberseguridade (37%) ou novas tendencias como o Edge computing (21%).
Collado destacou que, ademais de sumarse ás 25 incubadoras de alta tecnoloxía de España, StartTIC pasará a formar parte “da rede máis importante de incubadoras de Europa, que están a crear empresas, emprego e investimento”. Na mesma liña falou Regades, que subliñou “o salto referencial que dará Vigo con este proxecto”, xa que reforzará á cidade como “nodo tecnolóxico”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recorreu a un paralelismo histórico para subliñar a importancia de StartTIC. “Primeiro foi o naval, despois o automóbil. Hai momentos que definen a historia dunha cidade. O que está a pasar hoxe en Vigo, esta alianza entre entidades públicas e privadas para impulsar a alta tecnoloxía vai definir os próximos 50 anos desta cidade”, sentenciou.
