A organización Alianza pola Vivenda en Vigo convocou unha manifestación este sábado polo “dereito a teito” na cidade, lamentando a “emerxencia habitacional” que vive con “prezos polas nubes”. Este martes, representantes da entidade concentráronse ante a sede do Concello de Vigo para anunciar esta protesta, que partirá desde a Praza de España o sábado a partir das 18.00 horas e percorrerá varias rúas até a Delegación da Xunta.
O portavoz da Alianza, Juan Medela, criticou que a media dos alugueres en Vigo supere os 700 euros e siga subindo. Fronte a isto, dixo, as medidas que están a pór en marcha as distintas administracións “non van resolver a situación actual”. Así, sinalou que a aposta por construír nova vivenda protexida non permitirá alcanzar nin un cuarto dos demandantes de vivenda rexistrados, solicitando “medidas valentes” que vaian á “raíz” do problema que, ao seu xuízo, é a “especulación”.
Por iso, esixiu varias iniciativas, como solicitar que Vigo sexa declarado zona con mercado tensionado, un plan plurianual para que o 15% das vivendas construídas sexan públicas, unha moratoria das licenzas de vivendas de uso turístico, un censo de persoas sen fogar ou máis prazas de residencias para estudantes.
