A Universidade de Vigo e a empresa BorgWarner Emissions Systems Spain formalizaron este venres a creación dunha cátedra institucional coa que consolidan preto de vinte anos de colaboración. O novo marco de cooperación pretende fortalecer o desenvolvemento de competencias profesionais do estudantado universitario e, ao mesmo tempo, promover as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado preuniversitario.
O acordo foi asinado polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa; as direccións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) e da Escola de Enxeñaría Industrial (EEI), Rebeca P. Díaz e José Fariña; e o vicepresidente de Enxeñaría de BorgWarner Turbos & Thermal Technologies, Carlos Castaño. A sinatura regula unha relación xa existente entre ambas as entidades e establece un marco estable para o desenvolvemento de actividades conxuntas.
A nova Cátedra estrutúrase arredor de cinco liñas estratéxicas. En primeiro lugar, contempla un programa específico de captación de talento. Ademais, impulsará accións destinadas a dar visibilidade á actividade docente e investigadora do persoal docente e investigador das dúas escolas implicadas.
O acordo tamén recolle a colaboración en iniciativas transversais á docencia, especialmente no marco do Plan de Acción Tutorial e do programa de Mentorización, así como o desenvolvemento de actividades con asociacións estudantís. A maiores, promoveranse accións formativas orientadas á capacitación, especialización e actualización de competencias da comunidade universitaria, e organizaranse xornadas técnicas, seminarios, foros e competicións vinculadas ao ámbito tecnolóxico.
O convenio fixa unha achega anual de 15.000 euros por parte da empresa para o funcionamento da Cátedra, que estará dirixida por Verónica Santalla, subdirectora de Infraestrutura e Internacional da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
COLABORACIÓN XA EN MARCHA
No acto de sinatura, as direccións das escolas agradeceron a “confianza” da compañía e lembraron que xa existen distintas vías de cooperación activas. Entre elas, destacaron o papel de BorgWarner como empresa mecenas da rede conexiónTeleco, a súa participación na elaboración do plan estratéxico da EET e a colaboración en actividades de divulgación, así como no patrocinio de premios e eventos académicos.
A directora da EET avanzou ademais que a próxima semana se publicarán por primeira vez as prazas da Mención Dual do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, e indicou que “unha delas é de BorgWarner”. A empresa tamén participa en programas de doutoramento, en cursos especializados e na microcredencial ‘Modelado e control de accionamentos PMSM con MATLAB-Simulink’, reforzando así a súa implicación na formación avanzada do alumnado.
