Pasan as semanas e continúa, polo momento irremediable, a penuria dos traballadores da Zona Azul de Vigo. “Estamos agardando a que o Concello mova ficha”, din o traballadores. Agora todo depende do goberno vigués, que xa denunciou publicamente os despedimentos pero aínda non puido solucionar a situación.
Durante a reunións de mediación que se produciron a pasada semana, presentaron 3 propostas diferentes á empresa. “Pero non lles valía ningunha das tres, así non se pode negociar”, lamenta Julio Fernández, delegado de UGT.
A empresa solicitara a mediación o venres, e estiveron reunidos catro horas o luns 26, cinco horas o martes 27 e ata seis o mércores 28, quince en total e sempre sen resultado.
Propuxeron á empresa que entraran os traballadores despedidos, empezar a traballar e negociar prexubilacións, posto que varios dos traballadores teñen máis de 55 anos. “Entendíamos que era unha proposta interesante”, lamenta Julio.
Na última proposta, ata deixaban fóra a Luís Cordobés, compañeiro que quedaba a un lado (mentres non se emite sentencia, e co seu consentimento) para así poder arranxar o conflito.
“O mediador (José Mª Casas de Ron) non entendía nada, díxonos que era a primeira vez que non ía a elaborar un acta de acordo en toda a súa traxectoria”, denuncia Julio: “Cando unha parte non ten vontade, non hai nada que facer”.
Decidiron seguir co encerro e as mobilizacións, non así coa folga de fame que aprazaran tras solicitalo o mediador: “A min mesmo nunca me pasou isto e son moitos anos de delegado, desconcerta a actitude da parte empresarial”.
Por fortuna, tras máis de 3 meses de resistencia, puideron conformar unha caixa de resistencia en colaboración con cidadáns, funcionarios, comercios, compañeiros doutras concesións, a través da conta ES73-2080-0341-1630-4004-2791.
Agora, neste momento crítico, piden ao Concello que teña en conta que este é un problema grande: “Vin coches dando 5 e 7 voltas e marchando ao final. Estase creando un clima de crispación, porque hai quen pagou un abono anual de 96 euros e teñen que ir a un párking de pago a deixar o coche. Esta mesma semana viñeron 5 ou 7 persoas polas oficinas a queixarse, pero nós non podemos facer nada”.
“Antes, co servizo activo, había rotación de vehículos, en cada plaza se podían mover media ducia cada día. A proba está na parte de atrás do Xeral, aparcadoiro que estaba sempre baleiro cando funcionaba a zona azul, e agora está cheo, porque os coches poden quedarse de 9 a 10 da noite. Hai indignación entre os veciños, xa vin como dous se pelexaban por unha praza”, resume Julio.
“O tema é moi complexo, falamos dun contrato de 24 millóns de euros para 10 anos, con 2 de prórroga”, lembra.