O sindicato Central Unitaria de Traballadores (CUT), que convocou unha folga nas instalacións de PSA Vigo o 5 de maio de 2015, vén de gañarlle a partida á multinacional PSA, cunha sentenza que obriga a esta coñecida marca francesa a pagarlle 50.000 euros ao sindicato e 457 a cada traballador participante na folga por vulnerar o seu dereito á mesma.
Desde o sindicato CUT acusan á empresa de “exercer a táctica da mafia: ameazar, amedrentar e impedir o desenvolvemento dun dereito fundamental argumentando que era unha folga ilegal”.
“Aconteceu algo co que PSA non contaba porque está acostumada a que as institucións públicas, sexan as que sexan, lle rendan tributo, pero desta vez perdeu. A xustiza, e xa é firme, condena a PSA pagarlle 50.000 á CUT por vulneración do dereito de folga, e a cada traballador que fixo a mesma 457 euros polo mesmo motivo”, subliñan.
“A PSA non lle importa ter que perder 50.000 euros a cambio de poder extorsionar e ameazar a quen traballa para que eles sexan ricos, pero si lle preocupa moito ter que pagarnos uns salarios dignos, esa é a súa ideoloxía”, consideran desde a CUT.
Para este sindicato, “PSA ten moi clara a súa ideoloxía á hora de manexar os cartos, leva anos actuando coa complicidade dos sindicatos amarelos, recortando as ganancias da clase traballadora co único obxectivo de aumentar a súa marxe de beneficio. Neses recortes xogan coa nosa saúde, coa nosa dignidade e cos nosos petos”.