InicioMovementos SociaisUnísono vai á folga en Vigo: "Aumentan cada ano beneficios a costa...

Unísono vai á folga en Vigo: “Aumentan cada ano beneficios a costa dos traballadores”

PUBLICADO O

O comité de empresa das instalacións que a multinacional dos centros de chamadas Unísono ten en Vigo vén de convocar un paro este vindeiro día 16 de outubro “ante a continua vulneración de dereitos e abusos reiterados sobre o cadro de persoal en materia de contratación, horarios, horas médicas ou vacacións, entre outros”, defenden os sindicatos.

A medida, que veu precedida de mobilizacións o pasado día 9 antes as portas da empresa, terá lugar entre 12:00 a 14:00 horas pola mañá e de 19:00 a 21:00 á noitiña.

Desde a sección sindical da CIG apuntan que Unísono, sexta no ranking estatal do sector dos centros de chamadas, “incrementa ano tras ano os seus beneficios a custa de recortar dereitos do persoal”.

Unha denuncia que se concreta, defende o comité, “no incumprimento sistemático da lexislación, mesmo de sentenzas e acordos negociados coa representación dos traballadores”.

Na convocatoria dos paros denúnciase a vulneración da lei no tocante á contratación, “dado que Unísono move o persoal desde empresas de traballo temporal á principal e viceversa, así como o encadeamento de contratos que obrigan á denuncia constante ante Inspección para que as persoas afectadas logren a condición de indefinidas”.

Indican, ademais, que a empresa incumpre acordos xudiciais no tocante á publicación das vacantes, impedindo cambios de posto ou quendas, así como outros referentes a asignación de preferencias horarias por cargas familiares ou estudos.

Alén disto, “négase a cumprir o establecido tanto en convenio como en diversas sentenzas no que atinxe a permisos retribuídos e horas médicas”, salienta a CIG. Por último, subliñan que nestes últimos meses a empresa implanta de xeito unilateral “un procedemento de vacacións que non se axusta ao acordado en sede xudicial, sen negociar co comité, e que dificulta as solicitudes ao non permitir introducir mediante o programa as diferentes casuísticas persoais”.

Por todo isto, “e tras esgotar todas as vías de diálogo”, o comité de empresa acordou a convocatoria de dous paros de dúas horas para o vindeiro martes 16 de outubro, en horarios de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00.

Como anticipo da medida, o comité desenvolveu o pasado martes 9 de outubro concentracións ante as portas das instalacións da empresa, facéndoas coincidir cos descansos do persoal para favorecer a súa participación.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...