InicioSociedadeO Eixo Atlántico pide ao Ministro de Fomento que non priorice as...

O Eixo Atlántico pide ao Ministro de Fomento que non priorice as infraestruturas do Mediterráneo

Ábalos, ministro de Pedro Sánchez, mantivo reunións cos responsables das infraestruturas e o transporte no Mediterráneo, pero vén de esquivar ao Eixo Atlántico, que pide a construción da saída sur de Vigo.

PUBLICADO O

O Consello de Ministros da Unión Europea reúnese desde hai un ano para preparar os paquetes de investimentos da UE en infraestruturas para o período 2021-2028. Algúns países como Portugal prepararon un plan de investimentos que discutiron con concellos, axentes sociais e económicos, coa participación do Eixo Atlántico e que cristaliza nun documento que enviarán a Bruxelas antes de fin de ano.

“Lamentablemente, en España nin o Goberno central nin a Xunta desenvolveron un proceso participativo no que poder trasladar e debater as propostas que van determinar o futuro económico neste caso de Galicia”, lamentan desde o Eixo Atlántico.

Por esta razón, o Eixo encargou un informe e debateu coas cidades en paralelo ao proceso de debate da Comisión Europea. Mentres en Portugal o ministro de Plan reuniuse co Eixo Atlántico o 17 de setembro para integrar as súas propostas, o Goberno español, neste caso o ministro de Fomento, non respondeu á petición de reunión que se lle fixo no mes de xuño, “contrastando coa rapidez coa que nos recibiu o ministro portugués ou coa que nos recibía Ana Pastor, cando era ministra de Fomento”, lamentan.

En paralelo José Luis Ábalos, ministro de Fomento do novo goberno de Pedro Sánchez, si mantivo reunións con representantes do Mediterráneo, pero ningunha cos do Atlántico, o que segundo o Eixo pon en cuestión a cohesión do territorio español.

Xuntanza do Eixo Atlántico co ministro portugués de Infraestruturas, Pedro Marqués / Eixo

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, recoñeceu que “podo entender que un ministro que é, ou foi ao menos até xuño, deputado por Valencia priorice os investimentos no Mediterráneo, que é ademais onde se concentran os votos por razóns demográficas”.

Pero, iso si, reclamou que Ábalos, que reunirase con Abel Caballero este mércores en Vigo, “debe lembrar que é ministro de Fomento do Goberno español e non da Comunidade Valenciana e o que está en xogo é a cohesión de España que afecta a todo o territorio e non só a unha parte”.

O informe do Eixo recorda que desde o nacemento do ferrocarril no século XIX este medio desenvolveuse pensando no transporte nacional e non na conexión con outros países, o cal co tempo derivaría nun gran problema da mobilidade internacional. Os ideais da Unión Europea moven por tanto ás rexións do continente a repensar as súas infraestruturas.

Reunión en Bruxelas polo Corredor Atlántico / Eixo Atlántico

Tamén subliñan desde o Eixo a importancia da transición a tecnoloxías eficientes no uso da enerxía que optimicen a seguridade, como é o caso do tren, “limpo” e seguro. Pero o ferrocarril foi relegado xa nos 60 polo transporte por carreteira.

Nos 70 o ferrocarril representaba o 30% do tráfico de mercancías na UE, 20 anos despois só a metade. A falta de competitividade foi progresiva no tempo, levando á débeda a multitude de empresas ferroviarias.

O futuro avanza en mans da coordinación. En 1869 España e Portugal protagonizaron a aprobación do primeiro enlace ferroviario internacional, que unía Ayamonte (Huelva) e Vila Real de Santo António (Faro).

Mais o máis grande impulso para a modernización do Eixo Atlántico chegou co Plan de Infraestruturas de 2000-2007 do Ministerio de Fomento. Ata que a crise paralizou o programa de Alta Velocidade de Portugal, o cal afectou á conexión entre Vigo, Valença e Porto.

Polo tanto, para continuar con este proceso de conexión comercial e social a nivel europeo, desde o Eixo Atlántico demandan, no que respecta ao ámbito vigués, a construción da saída sur de Vigo e a modernización da liña Vigo-Ourense polo Miño.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...