A Garda Civil abriu unha investigación a raíz do achado de garrafas de gasóleo e gasolina nunha praia de Carnota e na ría de Vigo, ante a súa posible vinculación co narcotráfico e tras a incautación dunha narcolancha en Esposende, no norte de Portugal. Así, este luns foron localizados arredor de 15 bidóns de 25 litros cheos de combustible na praia de Lariño, no concello coruñés de Carnota. Na mesma xornada, un pesqueiro avistou na ría de Vigo un total de 49 garrafas de gasóleo e gasolina á deriva á altura da boia de Rodeira.
Os bidóns localizados en ambos os casos son iguais –de 25 litros e con tapas negras, vermellas e azuis– aos intervidos a pasada semana pola Guarda Nacional Republicana (GNR) en Esposende, onde se incautaron 1.500 litros de combustible. Agora, a Garda Civil investiga os feitos e mantén abertas todas as hipóteses.
