O Hospital privado Povisa acaba de anunciar que entra en concurso de acredores debido ao esgotamento do seu fondo de reserva, polo que centos de traballadores poderían perder o seu posto de traballo. Falamos con Chelo Martínez, ex presidenta do seu comité de empresa.
Martínez asegura levar moitos anos insistindo en que as contas de Povisa deben ser investigadas: “Canto gasta en persoal, a que destina o diñeiro público que recibe. Merecemos unha explicación”.
“Povisa ten establecido un concerto especial co servizo galego de saúde (SERGAS), e parte da poboación acude a Povisa como se fora un hospital público. Isto lles asegura certo número de pacientes, e ademais pactan un diñeiro. Son ademais un centro de referencia en algunhas especialidades, como as queimaduras”, recorda Martínez.
Pero a ex presidente do comité asegura que Povisa, para os pacientes que veñen de parte do SERGAS, ten unha lista de espera máis longa aínda que a do propio SERGAS, en hospitais como o Cunqueiro. E estas listas nin sequera se fan públicas, recorda.
Mentres, denuncia, “dedican unha planta enteira a un seguro privado”. Para máis inri, os traballadores levan desde 2010 sen mellorar o convenio. Todo rodeado de “escurantismo”, denuncia Chelo: “O segredo envolve todo desde hai 30 anos”.
“E desde 2010 despidos, EREs, subcontratacións a empresas privadas, salarios conxelados, reducións de xornada a 35 horas… E a pesar de todo isto, e de que a Xunta lles sube o concerto cada ano, seguen a defender que dan perdas, precisamente para xustificar estas medidas”, reflexiona Martínez: “O concerto sube, o convenio non”.
“É o gran negocio de sempre”, denuncia: “Xa é hora de que alguén faga algo con Povisa”. Ela non atopa sentido a que agora Povisa culpe ao SERGAS e defenda que o concerto é insuficiente: “Se me ofertan un contrato, e preciso tantos cartos para levar a cabo a miña actividade, non o asino por menos diso”.
Máis, lembra Martínez, “cando a versión do SERGAS é que levan todos os pagos ao día, é das poucas empresas ás que non dan problema. Non sei se Povisa busca unha suba salarial dos directivos, beneficios para as empresas do holding… Son preguntas dignas de contestar dunha vez. Do Povisa non se sabe nada, hai un tupido velo”.