Vox denunciou este mércores os “episodios de violencia” que tiveron que sufrir nos últimos días en Galicia os seus simpatizantes e afiliados, e que “lembran demasiado, lamentablemente, a algúns contextos do País Vasco de hai décadas”.
Así o trasladou, en declaracións aos medios, o portavoz nacional de Seguridade do partido, Samuel Vázquez, antes de manter unha reunión en Vigo con representantes de varios sindicatos policiais, na que tamén participaron os candidatos ao Congreso e ao Senado por Pontevedra, Álvaro Díaz-Mella e Manuel Torres. “Nós seguiremos firmes fronte ao fanatismo e á intolerancia. Non nos deixaremos amedrentar pola súa violencia e enfrontarémonos a ela con serenidade”, proclamou.
Ao respecto, incidiu en que Vox seguirá levando as súas propostas por toda España e remarcou que “os que empregaron a violencia, obviamente, non representan os galegos”. No tocante ás propostas do partido, reiterou a defensa da “prioridade nacional“. “Se lles pedisen que incorporasen unha lista para acceder a unha vivenda pública protexida para a súa irmá ou para un marroquí que acaba de chegar, todos vostedes dirían a súa irmá. Pois iso é a prioridade nacional, nin máis nin menos”, exemplificou.
En segundo lugar, referiuse á “reemigración” e avogou por “deportar” os delincuentes estranxeiros “estean de maneira legal ou ilegal”. Tamén avogou por impedir que “miles de persoas” poidan vivir das axudas que “non chegan” ás familias españolas. “Eses tamén se terán que ir. E, evidentemente, no punto no que está este país agora non podemos seguir soportando a chegada de ilegais”, aseverou, e engadiu: “Non é odio ao de fóra, é amor ao de dentro”.
Finalmente, falou da “desregulación” e da necesidade de acabar co gasto de diñeiro “para que o Ministerio de Transportes contrate en postos técnicos a rapazas de compañía, porteiros de discoteca e amiguiños do instituto”. Samuel Vázquez proclamou que os cartos deben ir “para o que importa”, como pensións, sanidade ou educación, e para “o peto dos cidadáns”, e non para que España se converta “nunha axencia de colocación de sinvergüenzas”.
No que respecta á reunión cos sindicatos policiais, o responsable de Seguridade de Vox sinalou que quere escoitar os representantes dos corpos de seguridade, algo que non fixo ata o de agora o ministro Marlaska, e abordar con eles “unha nova realidade criminal”. Esa realidade, asegurou, reflíctese nun aumento da criminalidade e da delincuencia violenta, que hai que abordar en lugar de “ocultar”.
“VISITA” Á ACAMPADA POLA VIVENDA
Tras a reunión, Samuel Vázquez, Álvaro Díaz-Mella e outros membros de Vox, que denunciaron ser acosados en Galicia, convertéronse en acosadores e achegáronse á Praza de Compostela, onde se atopa a Acampada pola Vivenda, para “gravar un vídeo”, aínda que non se achegaron ás persoas acampadas, agás un par de persoas que estaban a tirar fotos e imaxes de vídeo.
A uns 25 metros de onde están as tendas, o portavoz de Seguridade de Vox fixo unha reflexión sobre a presenza nese lugar dos “nenos mimados das elites de poder”. “Esa porcentaxe de cada xeración que algúns poderosos utilizan como arietes, como parvos útiles, nas súas estratexias de liderado”, sinalou, e referiuse aos acampados como “disidencia controlada” por parte do poder, que “non representan a xuventude galega”. A continuación, asegurou que Vox recuperará os espazos públicos “para todos”.
RESPOSTA DA ACAMPADA
Ante esta ‘visita’, unha das voceiras da Acampada, Clara Bobillo, aclarou que a Acampada é “un espazo superaberto ao diálogo” cos medios de comunicación ou con calquera persoa interesada, pero “hai certas persoas que non están abertas a dialogar e que veñen aquí a tentar obter imaxes, con mensaxes coas que non estamos de acordo“.
“Pero tampouco lles queremos dar espazo nin voz a este tipo de persoas. Nós, repito, somos un espazo completamente aberto e estamos traballando na folga xeral e temos máis apoio que contraapoio, e niso nos imos centrar e é para o que imos seguir traballando”, zanjou.
