InicioMovementos SociaisPensionistas rexeitan a suba do 2,6% e esixen que ningunha pensión sexa...

Pensionistas rexeitan a suba do 2,6% e esixen que ningunha pensión sexa inferior ao salario mínimo

Os pensionistas, mobilizados por todo o territorio nacional, concentráronse tamén en Vigo.

PUBLICADO O

Pensionistas e xubilados mobilizáronse en cidades e vilas galegas en demanda da derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, “para que se garanta emprego en condicións dignas e políticas que reforcen o sistema público de pensións“, subliñan desde a CIG.

Denunciaron que a suba aprobada nos orzamentos do pasado mes de xuño “non soluciona nada” e exixiron, entre outras cuestións, que as pensións mínimas sexan iguais ao 60% do salario medio, ademais de fixar por lei a súa revalorización co IPC.

“Durante os últimos anos, ante a ameaza que as sucesivas reformas de PP e PSOE supoñen ao Sistema Público de Pensións, miles de persoas veñen mobilizándose para exixir unhas pensións públicas, dignas e que estean garantidas”, destacan desde a CIG.

Porén, o colectivo de xubilados e pensionistas advirte de que agora pretenden “dar por cumpridas” as súas reivindicacións a través dunha suba das pensións que, na realidade, “non cambia substancialmente a situación”, dado que supón unha media dun 2,6% de incremento, “co que non se recupera todo o poder adquisitivo perdido por pensionistas desde o ano 2013 en que a reforma do PP eliminou a revalorización das pensións co IPC”.

Manifestación dos pensionistas en Vigo/ CIG

Neste senso, nas recomendación que o Pacto de Toledo vén de emitir, fálase dunha revalorización “en base ao IPC real”, sen definir o que isto significa e deixando unha marxe de interpretación tan ampla que permite a introdución doutros mecanismos para calcular a suba das pensións.

“En todo caso, no texto acordado na comisión non se fai mención á necesidade de derrogar o conxunto de medidas introducidas nas reformas de 2011 e 2013 (atraso na idade de xubilación, aumento dos anos de cálculo para o cómputo da base reguladora, incremento do número de anos para cobrar a pensión completa, introdución do factor de sustentabilidade, etc.), cuxo único obxectivo é dificultar o acceso ás pensións e reducir a contía das mesmas”, resumen.

Fenda das pensións das mulleres

Dende o colectivo da CIG denuncian ademais, que as galegas que teñen pensións de viuvez foron as menos beneficiadas pola suba acordada para este ano, xa que só 1 de cada dez viu incrementada a súa pensión.

“As mulleres que cobran complemento a mínimos por non chegar á contía mínima, viron reducida a cantidade dese complemento na mesma medida en que subía a pensión, polo que na práctica, non se produciu suba para estas pensionistas”, afirman.

Concentración en Vigo en defensa das pensións / Miguel Núñez
Anterior concentración en Vigo en defensa das pensións / Miguel Núñez

Isto agrava a fenda entre as pensións de homes e mulleres, que, segundo os últimos datos ofrecidos polo IGE, está a aumentar. Tal é así que a diferenza entre a pensión media dun galego e a dunha galega está xa no 37,1%, e se falamos dos grupos de idade de entre 55 e 74 anos, sobe a máis do 42%.

Por iso, aseguran que “unha suba parcial das pensións non soluciona nin garante un sistema público de pensións forte, nin vai facer que deixen de mobilizarse”. Entenden que “só medidas de creación de emprego estábel en condicións dignas e con salarios xustos conseguirán dotar de recursos suficientes o sistema de pensións de agora e o do futuro”.

Diante disto demandan a posta en marcha de políticas “que dean prioridade á creación de emprego de calidade e ao incremento dos salarios”, adoptando para iso, como primeiras medidas, a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, tanto a de 2011 como a de 2013.

Concentración en Vigo en defensa das pensións / Miguel Núñez
Anterior concentración en Vigo en defensa das pensións / Miguel Núñez

Entre as demandas da CIG están a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional e a revalorización anual como mínimo co IPC. Tamén a xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.

Así como eliminar os topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...