InicioCulturaEditorial Elvira, ou como converter os libros en obras de arte que...

Editorial Elvira, ou como converter os libros en obras de arte que sobrevivan a Internet

PUBLICADO O

A editorial Elvira é unha editorial independente de literatura, centrada na poesía e no libro entendido coma unha peza artística e única. Aseguran coidar ata o máis mínimo detalle, e que cada un dos exemplares que editan é único. A caracola, o símbolo perfecto para eles: “Vigo é mar”.

Xornal de Vigo falamos con Arantxa, unha das persoas a cargo deste proxecto, sobre o seu modelo de negocio, basado en crear algo valioso que non poida reproducirse en serie; sobre o indispensable traballo dun editor e, sobre todo, da arte mesma.

Esta editorial organiza cada ano o certame literario “Relatos na rúa”, cun xulgado de oito membros. Despois crean un libro no que mesturan os contos vencedores. Asegura  sorprenderse tódolos anos polo nivel: “Moitos dos relatos son espectaculares”.

O seu obxectivo é que a obra resultante non sexa lineal, “e quen o lea se sinta identificado cando menos cun relato”. Xa levan 5 edicións. No cartel aparece tódolos anos a panificadora, símbolo da cidade, como o olivo, que teñen ben preto da súa sede e do cal lles chega o seu influxo.

Arantxa coméntanos algúns dos seus gustos literarios: Bruno Schulz, do quen di que escribiu “o Quixote” do centro de Europa, Antón Beiras, de quen editaron a tese que escribiu cando terminou dereito, que trata do “engano social”…

Pero, por riba de todo, Carlos Oroza. A editorial naceu hai 5 anos, e foi el quen lles motivou a creala, o feito de coñecer a este artista. Conservan aínda unha maleta súa. O primeiro libro que editaron foi a súa obra poética.

Por diversas circunstancias, coñeceron a Carlos, e propuxéronse editar a súa obra, algo que el de entrada non aceptaba, posto que estaba en contra de “encarcerar” a súa poesía. “Tiña todo na súa cabeza, e o proceso foi complicado”, recoñece Arantxa.

Tamén publicaron 8 libros de Vigo, cada un dun barrio: Teis, O Castro, Bouzas… Cheos de historias para coñecer a nosa cidade. “Vigo é un pequeno Nova York. Non é unha cidade, é un conxunto de barrios. Eu vivín en Teis e a xente dicía que baixaba a Vigo. En Bouzas pasaba igual”, recorda.

“Que Belén Esteban escriba un libro é imposible”, asegura. Arantxa recoñece que triunfar na literatura, salvo que contes con certo poder mediático, é algo moi complicado aínda con talento… Precísase un chisco de sorte.

“Cal foi o éxito de Cervantes, de Lorca, Van Gogh, de Miguel Hernández, que ademais de pastor de ovellas foi para min un dos maiores poetas de amor? A maioría deles atoparon o recoñecemento despois de mortos”, subliña. Hai que ser realistas.

Cervantes como un gran xenio da literatura, e non só polo Quixote: “As novelas exemplares tamén son unha barbaridade”. De feito, Arantxa asegura que a segunda parte do Quixote non o escribiu el, “ten outro estilo”.

“Os best-sellers fainos moitas veces o nome, algúns volven rendibles calquera libro. Por iso, “grandes obras de autores de prestixio as escribiron “negros” para eles”, subliña. Este termo refírese á contratación de terceiros para a escritura dun libro que se publicita como propio, aproveitando así a marca persoal. “Non temos probas da maioría de casos, mais é algo que se sabe. E, na medicina, quen fai máis, a enfermeira ou o doutor?

“Ter un best seller non é ser o que mellor escribe, senón o que mellor publicidade ten”, resume. Tamén dubida que Camilo José Cela escribira La Colmena, comparándoo co resto da súa obra. Pensa que puido ser obra da súa muller.

A obra editada de Carlos Oroza/ Miguel Núñez

Sobre o modelo económico da editorial, Arantxa recoñece que “é rendible porque somos tres”. Preparan edicións curtas, involucran aos autores, fan presentacións, e practican a venda directa. Pero sobre todo coidan o deseño dos seus produtos, que se distribúen a nivel nacional.

“Non facemos libros, facemos obras de arte. É tan importante a cuberta coma o debuxo. Editamos só de 5 a 7 libros ao ano, porque non somos unha editorial ao uso, tampouco podemos. Hoxe, a tirada dun libro é moi pequena, faise o pouco que se vai vender. A tendencia é que o libro se converta nun obxecto, senón a xente vai ao dixital”, reflexiona.

Deseñan e coidan ao máximo as súas pezas en busca do que Internet bota por terra para moitos sectores: o valor engadido. Teno claro:”O libro non se perderá nunca, pero o concepto de editorial morreu. Non se trata de facer edicións baratas, senón de converter o libro feito en serie nalgo único, intransferible”.

Edicións numeradas, láminas feitas a man, firmas e debuxos orixinais do autor (amósannos un exemplo de Antón Patiño, con caixas personalizadas para cada exemplar, e debuxos orixinais do autor).

A Arantxa encántalle a corrección, traballar nun texto e intentar “melloralo”. Aparece nos créditos, mais o seu obxectivo é que ninguén saiba que o editor existe. Un traballo silandeiro.

E un labor que pode acabar xerando certa “deformación profesional” á hora de ler:“Un cambio nunha coma pode cambiar o sentido da frase. Eu nunca miro un libro unha vez publicado, porque se que vou atopar un erro. Leo outros libros, publicados por outros, e sempre atopo unha errata. Estou lendo A praia dos afogados, un libro marabilloso, e atopo erros…”.

Sobre a corrección, algúns autores dan máis traballiño que outros:“Hai escritores que escriben mellor e outros que cometen incorreccións gravísimas. A Ledicia Costas, por exemplo, moitas veces non hai que cambiarlle nada. Outros autores son moito máis embarullados”.

Arantxa e o resto do equipo da editorial continúan a buscar persoas cun estilo propio, algo se cadra subxectivo: “Para Carlos Oroza, Walt Whitman era o mellor”, recorda. “Un libro, se non choro, para min non vale. Da risa ou da emoción. A beleza é subxectiva, pero hai cousas sorprendentes para todo o mundo, relatos que notas que teñen algo…”

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...