InicioVigo e contornaRedondelaA ría acollerá cultivos experimentais de alga kombu, positiva "na loita contra...

A ría acollerá cultivos experimentais de alga kombu, positiva “na loita contra o cambio climático”

Ante a posibilidade de que afecte a "restos arqueolóxicos non documentados", Redondela pide unha prospección submarina das zonas e un fondeo dos pesos mortos e as liñas de cultivo, así como un informe anual de incidencias ambientais

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Consellería de Medio Ambiente deu luz verde ao informe de impacto ambiental para os cultivos experimentais da macroalga autóctona de kombu doce (‘Saccharina latissima’) en polígonos da ría de Vigo.

Segundo figura no informe avalado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, este proxecto da empresa HQ Seaweed –con sede en Vilaboa– instalará unha parte en Cangas e outra en Redondela, neste caso en terreo de Rede Natura na enseada de San Simón.

Aínda que a Xunta aproba o informe de impacto ambiental porque “non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente”, no expediente recóllense diferentes avisos de diferentes entidades.

Por exemplo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sinala que a zona de Redondela é unha contorna de protección de bens do patrimonio arqueolóxico subacuático por pecios identificados da Batalla de Rande (1702), incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Por iso, o artefacto flotante a instalar “pode afectar a restos arqueolóxicos non documentados”.

Ante isto, o informe ambiental empraza a que a empresa realice unha prosprección arqueolóxica subacuática previa ao cultivo para avaliar posibles afeccións. Ademais, o artefacto flotante deberá contar con autorización da Consellería de Cultura.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural identifica unha cuadrícula con “unha serie de especies protexidas”. Con todo, non prevé efectos significativos ante a documentación achegada polo promotor.

O Concello de Redondela pide unha prospección submarina das zonas e un fondeo dos pesos mortos e as liñas de cultivo, así como un informe anual de incidencias ambientais.

A Dirección Xeral de Pesca empraza a que, previamente ao comezo da actividade en cada un dos polígonos, “o promotor terá que facer un estudo preoperacional para coñecer a situación de partida: as especies presentes, sedimentos, calidade da auga”.

Con todo, no estudo valórase que o cultivo “inflúe favorablemente na loita contra o cambio climático”, dado que as algas axudan á fixación de carbono e a eliminación de CO2 atmosférica. Así mesmo, sinala que o feito de que a localización sexa en polígonos de bateas “podería ter un efecto beneficioso” en canto a que a alga emprega nutrientes procedentes do metabolismo do cultivo de mexillón.

ÚLTIMAS

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...

A Xunta e Vicus Gallaecia analizan os retos da mobilidade e urxen un calendario para o AVE Vigo-Porto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns nun encontro...