A parroquia de Moscoso acolle este domingo a súa XVIII Festa da Chula. Unha celebración gastronómica que ano tras ano crece en asistencia e que rende homenaxe a un dos produtos típicos do lugar.
A festa contará cun grupo de música popular e coa venda de produtos ecolóxicos e artesanais da zona. A organización espera que a boa climatoloxía favoreza á celebración, e contan coa asistencia de máis de mil persoas.
A festa naceu da idea de relanzar a antiga feira de Moscoso, a cal facía anos que non se celebraba. Tras analizar o funcionamento da antiga feira, obsérvase que o oitenta por cento dos negocios baseábanse no gando.
Como no ano 2001, que foi o primeiro ano de celebración da festa, o mercado de gando era prácticamente inexistente, estudouse como atraer visitantes. Foi entón cando xurdiu a idea de realizar unha festa gastronómica.
A chula, simular á filloa, foi base de sustento da poboación desta aldea noutros tempos. Millo, ovos e leite eran suficientes para a realización da chula que agora se converteu en raíña da celebración.
A propia Real Academia Galega define á chula como “torta elaborada con fariña, ovos e leite, que se frixe na tixola e á que se lle pode engadir azucre e outros ingredientes doces ou salgados”.