A Xunta de Galicia emprendará “as accións necesarias” e non descarta a vía xudicial para defender a propiedade do antigo edificio dos xulgados da rúa Lalín, e que tamén reclama o Concello olívico, no que o goberno autonómico prevé construír un centro de asociacionismo (proxecto paralizado despois de que o Concello de Vigo revogase a licenza outorgada).
Así o trasladou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha visita ás novas instalacións ás que se trasladará o Rexistro Civil no Casco Vello olívico, precisamente desde o inmoble da rúa Lalín. Segundo lembrou a Xunta, ese edificio “foi transferido polo Estado ao goberno galego en propiedade e, xunto coa parcel, consta como tal no Inventario de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma”.
Diego Calvo lembrou que o Concello de Vigo outorgou licenza para a construción do centro de asociacionismo en novembro do ano pasado, un proxecto cun investimento de máis de 20 millóns de euros, pero un par de meses despois, a administración municipal revogou o permiso, alegando que a parcela figura a nome do Concello no Rexistro Civil. De feito, Abel Caballero reivindicou a propiedade e anunciou un proxecto para facer unha dotación de atención social aos veciños da zona (proxecto do que non se coñecen detalles).
Este conflito obrigou á Xunta a paralizar a súa actuación e a resolver o contrato coa adxudicataria das obras, xa que parte do financiamento proviña de fondos europeos. Ademais, Calvo lembrou que o Concello tentou modificar a titular do inmoble no rexistro do Catastro, algo que o propio Catastro rexeitou, polo que a disputa deberá resolverse por vía xudicial. O conselleiro fixo estas declaracións durante a súa visita ao edificio do Casco Vello ao que se trasladará o Rexistro Civil e a sala de vodas civís.
Segundo sinalou, a finais de maio estes servizos xa estarán operativos na súa nova localización, na que a Xunta investiu 240.000 euros. Para iso, reorganizáronse os espazos do Rexistro Civil na rúa San Sebastián e habilitouse un local para vodas nun anexo, na rúa Abeleira Menéndez. Nestas dependencias renováronse sistemas de climatización, ventilación e iluminación, habilitáronse despachos e mobiliario para 17 postos de funcionarios, e colocáronse andeis rodantes para documentación.
RESPOSTA DO CONCELLO
Ante as palabras de Calvo, o Concello de Vigo saíu ao paso a través dun comunicado, instando á Xunta a que opte pola vía xudicial “cando queira”, pero reiterando que o chan sobre o que se levantou o edificio “é municipal”. “A Xunta tratou de quedar con el e o goberno local non o vai a tolerar porque a titularidade municipal queda acreditada no Rexistro”, insistiu o Concello, asegurando que porá ese espazo ao servizo dos veciños de Coia e de Navia para xestionar alí asuntos municipais. Tamén contará cun auditorio e salas de reunións, segundo explica.