InicioSociedadeSen propostas para a eliminación do paso a nivel do Porriño

Sen propostas para a eliminación do paso a nivel do Porriño

PUBLICADO O

- Advertisement -

A alcaldesa do Porriño, a socialista Eva García da Torre, cualificou como “moi decepcionante” a reunión celebrada este xoves entre representantes da Corporación Municipal e responsables de Adif, na que o ente ferroviario non achegou “nin proxecto nin propostas” para a eliminación do paso a nivel que existe en pleno centro urbano deste municipio.

García da Torre lamentou que os representantes de Adif non puxesen sobre a mesa “nin proxecto, nin borrador, nin estudo nin proposta algunha” para executar unha demanda histórica do Porriño e, sinalou, todos os representantes políticos da Corporación comparten esa “decepción” como, de feito, demostraron, dando por finalizado o encontro apenas media hora despois de que comezase. Para a rexedora porriñesa, o ocorrido este xoves foi un “despropósito”, porque os representantes de Adif volveron a pedirlle ao Concello ideas para retirar o paso a nivel.

“Xa o deixamos claro en setembro de 2015, cando estivemos en Madrid; reiterámolo en 2016, cando sufrimos un accidente no que perderon a vida 4 persoas e 50 resultaron feridas; e repetímolo o pasado mes de setembro á directora xeral de Explotación e Construción de Adif: só hai dúas alternativas posibles, ou se fai un desvío ou se enterran as vías”, proclamou García da Torre.

Segundo incidiu a alcaldesa, o tren “non pode seguir circulando polo centro da vila”, e lembrou que a supresión do paso a nivel é unha demanda do Porriño dende 1948.

Fontes municipais porriñesas explicaron que “o único” que expuxeron os técnicos de Adif é a existencia dunha partida de 880.000 euros nos Orzamentos Xerais do Estado para a realización dun estudo previo. “Nada máis”, criticou a alcaldesa, quen recalcou que o Goberno “ignora” o proxecto iniciado en 2006, e que caduca este mesmo ano, sobre a saída sur de Vigo, e no que se contempla un cambio no trazado das vías (que deixarían de pasar polo centro do Porriño).

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...