InicioSociedadeO Celta, denunciado por "ilegalidades" na construción da cidade deportiva de Mos

O Celta, denunciado por “ilegalidades” na construción da cidade deportiva de Mos

Piden deter inmediatamente as obras porque, din, exceden o contemplado nas licencias municipais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Materialízanse as críticas ao proxecto da nova cidade deportiva do Celta. A Comunidade de Montes do Tameiga anuncia que vén de presentar unha querela nos xulgados do Porrino contra Manuel Carlos Mouriño, representante do club, así como contra a totalidade da xunta de goberno do Concello de Mós. O obxectivo da platataforma é que a xustiza acorde a suspensión das obras “e, no suposto de estar concluídas, a prohibición do uso do construído” polas “ilegalidades” apreciadas no proceso.

Estas presuntas irregularidades materialízanse, segundo os denunciantes, en varios frontes que poderían situar ao club e o concello ante a xustiza. Para comezar, subliñan que o Concello de Mós, “co fin de favorecer o inicio prematuro das obras”, procedeu a un “fraccionamento” do proxecto por fases. Deste xeito, este quedou aprobado con dúas licencias distintas, primeiro para dous campos de fútbol e un aparcamento e logo para os vestiarios e o resto de instalacións. Para a Comunidade de Montes, esta práctica supón incorrer nunha concesión de licencias “contrarias á lei”.

POSIBLE PREVARICACIÓN

O obxectivo da xunta de goberno de Mós con este fraccionamento sería “minimizar” os tempos de espera evitando trámites que podían demorar o proxecto. “A asesoría legal da Comunidade de Montes entende que todas estas actuacións poden ser constitutivas de delito por prevaricación, penado coa prisión dun ano e seis meses a catro anos e a de multa de 12 a 24 meses”, subliñan.

A Comunidade de Montes do Tameiga móstrase firme na súa denuncia, esixindo o “precinto da edificación” para asi apercibir aos querelados por un posible delito de desobediencia ou de quebrantamento de medida cautelar no caso de cruzar o precinto. De xeito paralelo, requiren ao Xulgado de que se constrúa “á maior brevidade” un presuposto de demolición das obras e que se requira aos querelados para que afiancen a cantidade presupostada.

3 CAMPOS DE FÚTBOL COA LICENCIA DE 2

Á parte dos presuntos excesos antes sinalados, a Comunidade de Montes asegura que as obras da nova cidade deportiva “exceden claramente os proxectos licenciados”. Esta denuncia apreciaríase no proxecto técnico licenciado para os campos de fútbol, onde se prevía a construción de dúas destas superficies. Con todo, e segundo destaca a plataforma, na cidade deportiva de Mós estarían tendo lugar obras para desenvolver un terceiro campo.

É por todas estas razóns que dende a Comunidade de Montes do Tameiga veñen de levar ante a xustiza ao club vigués e a Xunta de goberno de Mós. Defenden que tivo lugar unha “absoluta e groseira desviación das obras executadas” con respecto á licencia da que pretenden ampararse”; un suposto incumprimento que tería tido lugar “de forma intencionada e con coñecemento”, todo para incrementar “de xeito considerable” o volume e superficie da edificación.

ÚLTIMAS

Feridas dúas persoas tras unha colisión entre tres vehículos na AP-9, en Redondela

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas tras unha colisión entre tres vehículos na AP-9,...

O Concello de Vigo aproba a contratación das obras de mellora do ascensor inclinado de Juan Ramón Jiménez

A Xunta de Goberno Local de Vigo deu luz verde este venres á contratación...

O PP de Vigo esixe unha comisión de investigación sobre o accidente mortal en Matamá

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo rexistrou unha moción, que se...

Arde por completo unha lancha fronte á illa de Toralla

Unha lancha de recreo ardeu por completo en Vigo, resultando ilesos os seus tripulantes,...