A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, afirmou que “o compromiso é máis que público e notorio” coa saída sur do AVE que conectará España e Portugal por Galicia e asegurou que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez “ratificará o seu compromiso” e que, ademais, chegará “sen problema” antes do prazo de 2040.
“Na parte que lle corresponde a España estamos a avanzar e imos ratificar o noso compromiso, como me consta que vai facer o Goberno portugués”, salientou a ministra de Transportes en declaracións aos medios en Vigo, ao ser preguntada por esta cuestión coa mirada posta no cume hispano-lusa que terá lugar o próximo 4 de novembro.
Días despois de que a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a galega Isabel Pardo de Vera confirmase en Vigo que o estudo hidroxeolóxico para o trazado do AVE entre Vigo e Ourense por Cerdedo e as alternativas para a saída sur ferroviaria estaban comprometidos nos orzamentos e ambas as infraestruturas superaran xa estudos preeliminares; a ministra do ramo ratificou este luns os compromisos.
Raquel Sánchez destacou que ambos os gobernos conseguiron que a saída sur e o eixo do AVE entre Lisboa e O Porto e con Galicia se inclúa na rede básica ampliada da Unión Europea e que ten un “horizonte” de 2040. Neste sentido, dixo ser “optimista” e “positiva” sobre que, polo menos, na parte española, que está moito máis avanzada, se chegará a esa data sen ningún problema”.
En canto á variante de Cerdedo, a ministra de Transportes manifestou que se segue traballando “en paralelo” co de Transición Ecolóxica, tras o que puxo o acento en que foi “este Goberno o que recuperou proxectos que se paralizaron” en tempos anteriores e que agora se transmitiron “certezas e impulsos” a estes traballos.
Con todo, descartou dar un “cronograma nin datas”. “Cando teñamos os fitos cumpridos”, dixo, daranse as datas, porque se se avanzan e logo “non se cumpren nun mes ou dous” pódense xerar frustracións. “Son proxectos que se retomaron e estanse dando avances. Actuamos con total transparencia e que ninguén dubide dos compromisos”, remarcou Raquel Sánchez, quen asegurou que cando sexa o momento de licitalos e executalos, van contar cos “recursos” para iso.
TRENS AVRIL
Doutra banda, sobre a chegada dos trens Avril para a chegada completa do AVE a Galicia –ata agora só a Ourense–, a ministra de Transportes apuntou que “nada fai pensar que se vaia ir máis aló do primeiro trimestre de 2023″ para poder pór en marcha finalmente o servizo unha vez conclúa a homologación.
Así, Raquel Sánchez lembrou que son cuestións de “seguridade” e hai que ser “prudente e cauteloso” e mantivo os prazos xa dadod anteriormente tamén pola secretaria de Estado Isabel Pardo de Vera no acto de recepción da Medalla de Ouro de Vigo.