InicioMedio Ambiente e PatrimonioVigo supera os límites recomendados pola OMS en contaminación acústica e partículas...

Vigo supera os límites recomendados pola OMS en contaminación acústica e partículas en suspensión

Organizacións ecoloxistas urxen a implementación de Zonas de Baixas Emisións na cidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un informe elaborado por Ecoloxistas en Acción e Greenpeace constata a “mala calidade do aire” na cidade de Vigo, así como os niveis de contaminación acústica por encima dos máximos recomendados, coa praza de Eugenio Fadrique como ‘punto negro’ no que respecta a partículas contaminantes en suspensión.

No informe, que foi presentado ante os medios este mércores, reflíctense os resultados de medicións tanto de partículas en suspensión como de niveis de ruído en 11 zonas da cidade, e corrobórase “o que xa se estaba detectando polas estacións de medición oficiais” da Xunta (en Coia e a rúa Lope de Veiga) e polas dúas estacións da planta de Stellantis, segundo explicou Cristóbal López.

Así, púxose o foco en contaminantes como esas partículas en suspensión, no óxido de nitróxeno, o dióxido de xofre ou o dióxido de carbono, todos eles presentes no aire como resultado das emisións do tráfico rodado, por incineración, por queima de residuos, ou por actividade industrial, entre outras orixes.

Persoas voluntarias das organizacións ecoloxistas realizaron medicións no cruzamento de Álvaro Cunqueiro con Pintor Colmeiro, en Gran Vía con Regueiro, no cruzamento de Beiramar e rúa Coruña, na praza de Eugenio Fadrique, no ‘nó’ de Isaac Peral, no cruzamento de Choróns, en Praza de España, en Praza de América, no cruzamento de Lepanto e Gran Vía, no cruzamento do Farol, e no inicio de Avenida de Europa.

Segundo os datos recollidos, a concentración de dióxido de carbono nas rúas de Vigo supera na maioría de medicións as 630 partes por millón, o que supón un 53 % máis ao valor medio presente de forma natural na atmosfera. En canto ás partículas en suspensión, os resultados tamén reflicten, en moitos casos, valores por encima dos recomendados pola OMS, chegando mesmo a quintuplicarlos en zonas resgardadas do vento e en días secos (caso da praza de Eugenio Fadrique).

Con respecto á contaminación acústica, as organizacións ecoloxistas alertaron de que “toda a cidade” supera os valores máximos recomendados, que son de 53 decibeis en medicións diúrnas e 45 decibeis en medicións nocturnas. No caso de Vigo, alcanzáronse valores medios por encima dos 70 decibeis en practicamente todos os puntos de medición, e nalgúns deles, por encima dos 85 decibeis, explicou Ana Pascual.

MEDIDAS URXENTES

Ante esta situación, e tendo en conta o “impacto na saúde” destes valores contaminantes, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace reclamaron a toma de “medidas urxentes” na cidade, entre as que destacaron a necesidade de implantar xa as Zonas de Baixas Emisións.

Ana Pascual lembrou que a implantación destas zonas, onde está prohibido ou restrinxido o tráfico, é unha obrigación para as cidades de máis 50.000 habitantes, no marco das actuacións impulsadas pola Comisión Europea e o Goberno para adaptarse ao cambio climático, antes do fin de 2023.

No caso de Vigo, a administración local “vai con moito atraso” e nin sequera se coñece como se implementará esta medida, apuntou Cristóbal Suárez, que engadiu que deben tomarse tamén outras medidas, como o aumento da masa de árbores. “E isto co agravante de que o alcalde é presidente da FEMP, un organismo que editou unha guía para municipios neste sentido, e el non dá exemplo”, puntualizou, e informou de que se remitirá o informe ao goberno municipal.

Do mesmo xeito, Ana Pascual reclamou melloras no transporte colectivo e máis zonas peonís, e lamentou que o modelo actual de cidade en Vigo “non se achega nin de lonxe ao dunha cidade sustentable”. Como exemplo, sinalou a intención do goberno local de impulsar a construción dun viario de alta capacidade por Beade, que “aumentará o tráfico e a contaminación”.

ÚLTIMAS

Investigan a morte dun vigués tras ser agredido no concerto de Karol G mentres facía unha videochamada coa súa parella

A morte do vigués de 42 anos golpeado tras o concerto de Karol G,...

Máis de 200 persoas gardan un minuto de silencio en Baiona polo veciño falecido no ‘Argos Georgia’

Máis de 200 persoas gardaron na tarde deste mércores un minuto de silencio en...

Malvinas suspende o operativo de busca dos 4 desaparecidos debido ás condicións climáticas

O goberno das Malvinas emite un comunicado sinalando que suspenden temporalmente a busca dos...

Baiona convoca unha “concentración de homenaxe” polo falecemento de Santiago Leyenda no Argos Georgia

Declaracións do alcalde de Baiona, Jesús Almuiña, que convocou unha concentración hoxe ás oito...