Un home faleceu a última hora da tarde deste sábado ao ser atropelado polo seu propio vehículo nun garaxe de Mos, na zona de Puxeiros. Segundo informa o 112, o condutor deixara o automóbil mal inmobilizado e, ao aparcalo nunha pendente, o vehículo acabou desprazándose e atrapouno.
O servizo de emerxencias recibiu o aviso a través do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao fío das 19,45 horas da pasada tarde. Na súa comunicación, solicitaban a colaboración doutros equipos de intervención para liberar un home que resultara atrapado polo seu propio vehículo nun garaxe particular.
Desde o 112 pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e do Porriño, aos membros do GES de Mos e á Policía Local do municipio. Igualmente, informouse da situación aos membros de Emerxencias de Mos e aos efectivos de Protección Civil, por se fose necesaria a súa colaboración.