Chega a Vigo réplica do barco protagonista da primeira volta ao mundo

Poderá visitarse de forma gratuíta a partir deste xoves, 18 de agosto, e ata o vindeiro domingo.

Réplica da Nave Victoria / arquivo

A Nave Victoria, réplica do barco protagonista da primeira volta ao mundo, chega a Vigo na súa xira Exploraterra 2022, polo que poderá visitarse de forma gratuíta a partir deste xoves, 18 de agosto, e ata o vindeiro domingo.

Tal como informou a organización, trátase dunha réplica do navío que hai cinco séculos foi capitaneado por Magallanes e Elcano na maior aventura marítima de todos os tempos, a primeira circunnavegación do planeta (1519-1522), cuxo centenario se conmemora este ano.

A súa escala en Vigo forma parte da xira Exploraterra 2022 na que a Nave Victoria está a participar. Xira que reuniu réplicas dos barcos históricos máis emblemáticos da gran era das expedicións marítimas hispano-portuguesas, que durante estes meses estiveron visitando decenas de portos de Francia, España e Portugal promocionando o proxecto Exploraterra, unha iniciativa para preservar, pór en valor e promover a herdanza común de varias rexións de España e Portugal ligada ás exploracións marítimas dos séculos XV, XVI e XVII.

Este proxecto está liderado pola Fundación Nave Vitoria, financiado con fondos europeos e conta coa participación doutras institucións como a Xunta de Galicia, a Xunta de Andalucía ou a Associaçao Portuguesa de Treino de Vela (Aporvela), entre outras.