InicioVigo e contornaVigoFelipe VI inaugurará o martes a nova Cidade da Xustiza de Vigo

Felipe VI inaugurará o martes a nova Cidade da Xustiza de Vigo

A reforma do antigo Hospital Xeral recibiu máis de 40 millóns de euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Rei Felipe VI inaugurará este 24 de maio a nova Cidade da Xustiza de Vigo, situada no antigo Hospital Xeral-Cíes da cidade, e que albergará 38 xulgados e as dúas seccións desprazadas da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Tal e como avanzou Alberto Núñez Feijóo hai varias semanas (tras a reunión do Consello da Xunta celebrada en Vigo e antes de dimitir á fronte do goberno autonómico), o acto de inauguración estará presidido polo Xefe do Estado, e nel tamén participarán a ministra de Xustiza, Pilar Llop; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, Carlos Lesmes; o presidente do TSXG, José María Gómez e Díaz-Castroverde; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entre outras autoridades.

Segundo a axenda comunicada por fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o acto comezará sobre as 10.30 horas, co descubrimento dunha placa na praza que dá acceso ao complexo. A continuación, Felipe V realizará un percorrido polas instalacións, que acollerán a máis de 500 traballadores e que contarán, entre outros servizos, cunha escola infantil para nenos de 0 a 3 anos.

Tamén está previsto que o Rei manteña un encontro de traballo cos responsables do proxecto, encabezados polo arquitecto Alfonso Penela, e con autoridades civís e xudiciais. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou este mércores que, nas próximas horas, celebrarase unha reunión de traballo para preparar o dispositivo de seguridade de face á visita de Felipe V á cidade.

REFORMA DUN EDIFICIO EMBLEMÁTICO

As novas dotacións xudiciais da cidade de Vigo estarán nun edificio xa preexistente, o antigo Hospital Xeral, que empezou a construírse en 1947 e deixou de ser centro sanitario en 2015. En 2016, tras a convocatoria dun concurso de ideas que gañou o equipo de Penela, adxudicáronse as obras de rehabilitación do antigo hospital, nas que se investiron máis de 40 millóns de euros. Durante o transcurso dos traballos elimináronse varios engadidos construídos ao longo dos anos para ‘despexar’ a súa emblemática torre, que deu ao inmoble o popular nome de ‘Pirulí’.

Agora, foi readaptado para converterse en sede de 38 unidades xudiciais -8 Xulgados de Instrución, 3 Xulgados do Penal, 15 Xulgados de Primeira Instancia, 7 Xulgados do Social, 2 Xulgados do Contencioso, un Xulgado do Mercantil, un Xulgado de Garda e un Xulgado de Violencia sobre a Muller-; das dúas seccións desprazas da Audiencia Provincial de Pontevedra; da Fiscalía de Área; e da subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

NAVALIA

Por outra banda, está prevista tamén a presenza de Felipe V na inauguración da feira Navalia, que se celebra no Instituto Feiral da cidade olívica, entre o 24 e o 27 de maio, na súa oitava edición e tras dúas cancelacións pola pandemia de Covid.

O propio presidente de Navalia, José García Costas, avanzou fai algo máis dunha semana que o xefe do Estado participará na apertura do certame, se non hai cambios na axenda. Esa visita será “o mellor agasallo” para Navalia, cuxo presidente agradeceu a “consideración” do Rei.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...