A instalación dunha gran estatua dun Cristo do Sacro Corazón no alto da ermida da Guía, con cargo a fondos municipais, desatou as críticas en Vigo tanto da Asemblea Republicana da cidade como dos grupos políticos de Marea de Vigo e BNG.
Este venres, representantes da Asemblea Republicana compareceron ante os medios para denunciar o “desvío” de fondos de administracións públicas como a Deputación de Pontevedra ou o Concello de Vigo para sufragar esta actuación, nun inmoble, a ermida da Guía, que é titularidade da Igrexa, e co pretexto de que a imaxe estaba no proxecto orixinal do arquitecto que deseñou a ermida, Manuel Gómez Román.
Celso Pazos cuestionou o argumento de que a obra de Gómez Román estivese inconclusa, e lembrou que, aínda que é certo que a estatua aparece nos esbozos do arquitecto, tamén é verdade que este asinou a entrega da obra e faleceu anos despois sen que se colocase e tampouco o reclamase.
“Retómano agora un alcalde e unha presidenta de Deputación do PSOE. Non houbo nin durante o franquismo nin no postfranquismo ningún alcalde que o fixese“, apuntou Pazos, que atribuíu a actuación a un “desexo persoal” de Abel Caballero, o mesmo que o levou a manter a Cruz dos Caídos no monte do Castro, porque “é unha máquina rexistradora de votos”.
Finalmente, a Asemblea Republicana lamentou tamén que o Concello non teña en conta as “connotacións” da imaxe do Sacro Corazón, vinculadas ao “golpismo franquista” e á ditadura.
CRÍTICAS DE MAREA E BNG
Pola súa banda, o portavoz municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, tachou de “bochornoso desde o punto de vista da memoria histórica” o papel de Concello e Deputación, e lembrou que durante a posguerra española “a Falanxe promovía peditorios populares para encher España de imaxes do Sacro Corazón”.
Mentres, Xabier Pérez Igrexas (BNG) afirmou que “o que non logrou a ditadura, complétao Abel Caballero”, construíndo “un ‘skyline’ reaccionario” na cidade, con esta estatua e coa cruz do Castro. “É intolerable destinar diñeiro público a isto. Aquí non hai interese público, só afianzar o interese electoral do alcalde nalgúns sectores”, concluíu.