InicioVigo e contornaVigoVitrasa, de recibir 21 millóns en subvencións a querer reducir salarios nun...

Vitrasa, de recibir 21 millóns en subvencións a querer reducir salarios nun 30%

Os traballadores aseguran que irán á folga indefinida se a redución salarial se fai efectiva. Caballero di que "aplaudirá" á Xunta se paraliza o conflito de Vitrasa na Comisión Tripartita.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O persoal da empresa Vitrasa, concesionaria do servizo de bus urbano en Vigo, vese “abocado á folga indefinida”, á espera de que a Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos interveña no conflito, e despois de que finalizasen sen acordo os períodos de consultas e mediación abertos tras o anuncio da empresa dun ‘descolgue salarial’.

Os traballadores concentráronse este xoves novamente ás portas do Concello de Vigo para denunciar a intención da empresa de reducir un 30 % os seus salarios e ampliar a súa xornada de traballo anual, e volveron a criticar que o goberno municipal, que en plena pandemia prorrogou a concesión por cinco anos máis, non tomase medidas para pór fin á situación.

O presidente do comité, Imanol Arnoso (CIG), sinalou que a aplicación dese ‘descolgue’ será “inminente”, e que a Comisión Tripartita nomeará un árbitro que decida o futuro dos traballadores. En todo caso, apuntou, Vitrasa mantense nas súas intencións e non deu mostras de reconsiderar a súa decisión, que xustifica por un risco de quebra económica.

Respecto diso, Arnoso reiterou que “as contas non cadran” e que “o primeiro que debería facer o Concello” é solicitar unha auditoría independente sobre Vitrasa. Como exemplo, explicou que, habitualmente, cando a empresa compra novos vehículos imputa ese gasto ao concepto de amortizacións a longo prazo, mentres que nas últimas contas “méteno nos gastos anuais”.

A xuízo do presidente do Comité, o Concello “debería rescatar a concesión” e advertiu de que as perdas provocadas pola pandemia no bus urbano “non xustifican” que Vitrasa “queira sacarlle o diñeiro aos seus traballadores e a todo o pobo de Vigo”

Na mesma liña, o vicepresidente do Comité, Fernando Pérez (USO) insistiu en que “non só falamos de recorte de salarios”, senón que a empresa pretende ampliar en 86 horas ao ano a súa xornada de traballo. “Imaxinamos que o recorte de salarios será a partir da próxima nómina (…). No momento en que se nos quite un duro, imos á folga, iso témolo claro”, resolveu.

ABEL CABALLERO

O alcalde Abel Caballero asegurou que “aplaudirá” á Xunta de Galicia se paraliza o conflito en Vitrasa, no marco da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos. O rexedor asegurou que o Concello apoia os traballadores.

A pesar de ser unha concesionaria municipal, Abel Caballero volveu  apuntar cara á Xunta de Galicia para buscar unha resolución ao problema, despois de que a empresa anunciase que se quere descolgar do convenio e reducir ata un 30% os soldos dos traballadores.

Segundo o razoamento do alcalde, na Comisión Tripartita o Concello non está, pero si o Goberno galego, onde podería paralizar o nomeamento dun árbitro que decida o futuro dos traballadores, alegando que hai que agardar a que se resolva o contencioso-administrativo sobre o tema, que será “rápido”. Os sindicatos tamén votarán en contra, o que permitiría a súa paralización.

“Non se pode facer que paguen os traballadores cunha parte importantísima de diminución do seu salario”, criticou Caballero, instando o Executivo galego a realizar esta acción, a cal sería “aplaudida” polo propio alcalde.

CRÍTICAS AO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, os portavoces municipais de Marea de Vigo e BNG, Rubén Pérez e Xabier Pérez Igrexas, que participaron na concentración dos traballadores, criticaron a “inacción” do goberno local ante este conflito e reclamaron o rescate da concesionaria.

Rubén Pérez advertiu de que a empresa recibiu o ano pasado 21 millóns de euros en subvencións e que “ten prestados varios millóns” a outras empresas do grupo Avanza, o que supón un “quebranto patrimonial dos recursos dos vigueses, para xustificar que a concesión non é rendible”. “O mellor que pode pasar é que crebe Vitrasa e se rescate a concesión para sacala como servizo público municipal”, incidiu.

ÚLTIMAS

Rueda, preparado para negociar con Caballero

O desbloqueo da urbanización da ETEA, a reforma das pistas de Balaídos, ou a...

A concelleira de Urbanismo afea a “actitude” da Xunta a catro días da reunión de Rueda e Caballero

O goberno municipal de Vigo afeou este venres "o fondo e as formas" das declaracións da...

O PP de Vigo esixe a Caballero que garanta a seguridade en San Xoán ante a previsión de falta de bombeiros

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu este venres ao alcalde, Abel Caballero,...

Falece un mozo en Vigo tras ter un accidente cunha carretilla elevadora

Un mozo de 24 anos de idade faleceu este xoves en Vigo tras sufrir...