Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha muller de 30 anos de idade, M.B.G., como presunta autora dun delito de desobediencia e atentado contra a autoridade, por agredir a uns axentes durante unha intervención nunha casa ‘okupada’.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar sobre as 21,00 horas deste luns, cando o 092 recibiu un aviso por unha discusión na vía pública, entre unha muller e un home que levaba unha serra.
Unha dotación desprazouse rapidamente á zona e atopáronse ao home, que levaba unha serra na man, e que explicou que estaba tentando entrar nunha casa ‘okupada’, onde estaba a residir e onde tiña as súas pertenzas.
Ao chegar ao inmoble viron unha cadea e un peche, instalados pola muller coa que discutía e que lle estaba impedindo acceder á casa.
Os policías verificaron que o home residía no inmoble e informaron á muller dos pasos que debía seguir para expulsalo, pero advertíndoa de que, nese momento, tiña que permitirlle o acceso.
A aludida reaccionou de forma agresiva, tanto co home ‘okupa’ como cos propios axentes, aos que chegou a empuxalos e darlles patadas. Así mesmo, tentou morder a un dos funcionarios e darlle cabezadas, polo que foi detida por desobediencia e atentado.
DETIDO CON REQUISITORIA XUDICIAL
Por outra banda, a Policía Local de Vigo tamén informou do arresto dun home, M.B.L., de 45 anos e natural de Santiago de Compostela, sobre o que pesaba unha orde xudicial de procura e detención.
Os feitos ocorreron o pasado domingo, cando unha dotación se desprazou á rúa Poboadores, alertada da presenza dun home en actitude sospeitosa, no interior dun vehículo. O lugar é unha zona de acceso exclusivo para residentes, e as testemuñas afirmaron que o home acudira a comprar e consumir drogas.
Cando os policías chegaron e identificárono, comprobaron que tiña en vigor unha orde de procura emitida por un xulgado do Penal de Vigo, polo que foi detido e posto a disposición xudicial.