O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrouse este martes “absolutamente indignado” pola “negativa” do BNG a condenar a invasión de Ucraína por parte de Rusia, e afirmou que esta posición “lembra” ao apoio dado polos nacionalistas ao “bolcheviquismo da URSS”.
O rexedor censurou que o BNG “se nega” a condenar esa “invasión asasina de Putin”, a pesar de que tanto o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, como a portavoz nacional, Ana Pontón, expresaron en varias ocasións a súa repulsa por esta invasión (criticando tamén a escalada belicista e o envío de armas a Ucraína por parte de España e outros países).
Segundo o alcalde de Vigo, o BNG negouse a asinar os acordos colectivos que apoian as “forzas democráticas” para condenar esa invasión. “Esta posición lémbrame o tempo de apoio do BNG ao bolcheviquismo da URSS”, sinalou, e denunciou que os nacionalistas “equipasen” o apoio dos países democráticos a Ucraína con “a agresión asasina de Putin”.
“Isto é o BNG de Galicia e do BNG de Vigo, non queren condenar a invasión asasina de Putin, que indignidade política!“, proclamou o rexedor, que esixiu aos nacionalistas que “rectifiquen” e “que pidan perdón ao pobo de Ucraína”.