InicioSociedadeO Goberno vigués ve con "sorpresa" o rexeitamento da Xunta a financiar...

O Goberno vigués ve con “sorpresa” o rexeitamento da Xunta a financiar o viario de Beade e Bembrive

Insiste tamén en que a nova autovía Vigo-O Porriño é "necesaria" e o PP apunta que foi o Executivo de Sánchez o que a "paralizou".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Goberno de Vigo trasladou este luns a súa “sorpresa maiúscula” porque a Xunta rexeitou financiar o novo viario que atravesa as parroquias de Beade e Bembrive, para conectar a A-55 cos polígonos de Balaídos e Valadares, co campus universitario e co Hospital Álvaro Cunqueiro, xa que se trata dunha actuación (recollida no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM) que prolonga unha estrada de titularidade autonómica, a PO-010, e é “imprescindible”.

Así o manifestou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, que criticou que o Goberno galego “se desentende” dunha actuación que vertebrará a área viguesa no ámbito económico, sanitario e educativo, e que tería unha incidencia “claramente autonómica”.

A edila socialista contrapuxo esta actitude do Goberno galego ao comportamento “con outras cidades”. En concreto, Caride lembrou que a Xunta financiou “con 80 millóns de euros” a “terceira rolda” da Coruña, que permite a comunicación cos seus polígonos industriais. “Por que nos nega o que a Coruña lle dá?”, cuestionou.

María José Caride, que advertiu de que “sen unhas boas conexións en Vigo, Galicia non estará ben vertebrada”, esixiu ao Goberno de Feijóo “que rectifique e trate a Vigo polo menos igual que outras cidades”. Finalmente, proclamou que a prolongación da PO-010 “é imprescindible” para a competitividade da cidade e pediu á Xunta que “dunha vez, pense que Vigo tamén é Galicia”.

NOVA AUTOVÍA VIGO-O PORRIÑO

Por outra banda, a concelleira de Urbanismo de Vigo reiterou as críticas do Goberno da cidade ás palabras “intolerables” de Feijóo sobre a gratuidade da AP-9 entre Vigo e O Porriño, como “alternativa” a unha nova autovía en túnel. “Lonxe de defender a cidade e reclamar dunha vez unha autovía A-52 rápida e segura, afirma que non é necesaria e condena aos vigueses a usar a A-55, na que circulamos nalgúns tramos a 60 km/h”, denunciou.

Segundo recalcou Caride, a nova autovía “é necesaria”, e así a reclaman a sociedade, os empresarios de Vigo e o ministerio, “que a fará, a pesar de Feijóo”. “Sabe Feijóo o que supón a súa proposta? Obríganos a ir por unha alternativa máis longa, lenta e cara“, subliñou a concelleira.

A responsable de Urbanismo apuntou que o goberno vigués aceptaría a alternativa da AP-9 (sen peaxe) “mentres non estea construída” a nova autovía, pero dita alternativa “non é unha solución de futuro”. “A única solución é que chegue a A-52 dunha vez a Vigo, que é a única cidade que non ten unha conexión por autovía con Madrid”, resolveu.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...