InicioPolíticaGuerra e Fernández-Tapias presentan os avais para presidir o PP vigués

Guerra e Fernández-Tapias presentan os avais para presidir o PP vigués

Ambos enfilan así a recta final da 'carreira' a presidir o partido en Vigo, nun clima de tensión, reproches e acusacións mutuas, marcado polos supostos intentos de afiliación irregular dos que o Comité Organizador (COC) acusou a Javier Guerra.

PUBLICADO O

O exconselleiro e senador, Javier Guerra, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentaron este xoves, a poucas horas de que finalizase o prazo, os avais necesarios para formalizar as súas respectivas candidaturas á presidencia do PP na cidade olívica, que se decidirá no Congreso Local que se celebra o 18 de decembro.

Ambos enfilan así a recta final da ‘carreira’ a presidir o partido en Vigo, nun clima de tensión, reproches e acusacións mutuas, marcado polos supostos intentos de afiliación irregular dos que o Comité Organizador (COC) acusou a Javier Guerra.

Desde que se coñeceu a convocatoria do conclave, a candidatura do exconselleiro, criticou as dificultades que a organización puxo para facilitar a votación ao maior número de militantes, os exiguos prazos para regularizar as cotas e outras condicións. De feito, varios deles dirixiron as súas protestas ao COC por carta e ameazaron con impugnar a convocatoria.

O clímax da tensión viviuse esta mesma semana, cando a Secretaría de Organización do PP desde Xénova, remitiu unha carta ao presidente provincial, Alfonso Rueda (que este reenviou ao COC), advertindo de posibles irregularidades en varias solicitudes de afiliación, aínda que sen dar un número concreto nin nomes.

A organización do Congreso fixo público un comunicado no que vinculaba a Guerra e a membros da súa candidatura con esas supostas ilegalidades, que consistían en máis de 30 intentos de afiliación vinculados a contas bancarias cuxo titular era o propio Javier Guerra ou persoas do PP con cargos no Concello (todos os edís ‘populares’ están no equipo do candidato).

Mentres que Guerra negou calquera irregularidade, alegando que quixo afiliar a “familiares e achegados” (algo que permite o regulamento do partido) e acusando ao COC de parcialidad e de intento de desprestixialo, a candidatura de Fernández-Tapias denunciou as “trampas” e “manobras na sombra” do seu opoñente, restando credibilidade ás súas explicacións e atribuíndo a súa forma de actuar a un intento de influír no resultado do Congreso.

“RECUPERAR O ORGULLO DE SER DO PP”

A delegada da Xunta en Vigo entregou a media tarde, na sede do PP vigués, os avais que a acreditan como candidata, “superando con fartura os 35 que establece o regulamento como mínimo” (uns 600, segundo o seu equipo) e eludiu pronunciarse sobre as tensións dos últimos días.

Acompañada por algunhas caras coñecidas do PP vigués, como Teresa Cendón ou Alejandro Outerelo, a xa candidata presumiu do “amplo respaldo” da militancia, e defendeu o seu proxecto, que aglutina “as ganas de cambio e renovación”, e “a ilusión por un PP forte”. Así, fixo un chamamento a traballar para “recuperar o orgullo de ser” deste partido.

Fernández-Tapias prometeu “moito diálogo” e “estar aberta ás críticas e suxestións”, mantendo a súa intención de “escoitar ás bases”, que son “o mellor termómetro para coñecer a situación da cidade”. “Vou escoitar a todos, aos que me apoiaron e aos que non, co obxectivo de manter unido a este partido”, proclamou.

“EU NON LLE VOU A FACER DANO AO PP”

Pola súa banda, Javier Guerra, xunto cos concelleiros do grupo ‘popular’ no Concello e un grupo de militantes, presentou os “máis que centos de avais” que lle converten en candidato a presidir o PP de Vigo e avogou por “construír unha alternativa forte” na cidade.

Ao contrario que o seu opoñente neste Congreso, o exconselleiro si fixo alusión ás acusacións de irregularidades, que tachou de “ridículas” e “un erro político”, á vez que advertiu de que “esta falsidade só beneficia aos adversarios políticos do PP”. “O camiño non é o enfrontamento (…), o adversario é outro, non os nosos compañeiros de partido”, apuntou e proclamou: “Eu non lle vou a facer dano ao PP”.

En todo caso, Guerra lamentou que se lanzou contra el a persoas ás que considera “amigos” e preguntouse se “mereceu a pena”. “Non vou negar que iso me fixo dano, máis ben hame entristecido“, recoñeceu, aínda que engadiu que sente “apoiado” polo PP e polos militantes de Vigo.

Finalmente, a preguntas dos medios sobre se, neste escenario de crispación, sería posible un acordo ou algunha integración coa candidatura rival, o candidato afirmou que “todo o que sexa bo para o PP está na mente” da súa candidatura, “calquera cousa”. “Se é bo, se estamos de acordo, iremos adiante conxuntamente”, resolveu.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...