Novas mobilizacións en Vigo. O comité de empresa de Vodafone -integrado pola CIG, UGT, CCOO e STC- vén de convocar mobilizacións para rexeitar o ERE presentado pola compañía e que vai supoñer o despedimento de arredor de 500 traballadores de tendas e de oficinas en todo o Estado, 17 deles en Galicia. As protestas terán lugar este sábado día 23 na cidade olívica A Coruña de 12:00 a 14:00 horas.
Segundo explica a representación sindical da CIG en Vodafone, a empresa está a negociar cos sindicatos un novo ERE tras os presentados con anterioridade, o último deles en 2019 e que supuxo o despedimento de 1000 persoas a nivel estatal. Destacan que as mobilizacións do persoal, “sobre todo dos empregados e empregadas galegos”, conseguiron rebaixar a cifra de afectados e “mellorar as condicións”. A CIG rexeitara daquela un acordo -ao igual que agora se opón ao novo ERE- que fora asinado por UGT, CCOO e STC, segundo subliñan.
“Nesta ocasión a compañía de telecomunicacións quere desfacerse de 17 persoas máis no noso país, dez na Coruña e sete en Vigo”, apuntan dende a Confederación, que detalla que se trata tanto de persoal de tendas (10) como de oficinas (7). Por iso dende a central sindical chaman a participar nas concentracións convocadas este sábado día 23 diante das tendas de Gran Vía 11, en Vigo, e da Praza de Pontevedra 10, na Coruña, que se desenvolverán entre as 12:00 e as 14:00 horas. E denuncian que “unha vez máis os de arriba toman decisións inxustas e inxustificadas que afectan aos de abaixo”.