O sindicato CIG denunciou este mércores o intento de Hijos de J. Barreras de “amedrentar” os representantes dos traballadores e “taparlles a boca” ante a crise que vive o estaleiro vigués e todo o sector naval na comarca, e volveu reclamar unha intervención pública na empresa.
Así o trasladou o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, que este mércores participou nunha concentración para reclamar a readmisión dun delegado sindical, con motivo da celebración dun acto de conciliación no SMAC de Vigo (que acabou sen acordo).
Carril lembrou que Barreras “ten enriba unha espada de Damocles que pode levar a un resultado como no seu día tivo o estaleiro Vulcano”, e lamentou que o mantemento da reforma laboral “permite que siga avanzando a crise do naval e, en concreto, o ERTE de Barreras”.
Ante esta situación, volveu reclamar unha intervención pública nos estaleiros e a creación dunha Mesa do Naval para a comarca de Vigo, co fin de facer fronte á crise que afecta o sector.
Por outra banda, o acto de conciliación no SMAC acabou sen acordo porque, segundo a CIG, Barreras negouse a “pór sobre a mesa a readmisión” do traballador despedido o pasado 2 de xullo. Este empregado foi despedido pola empresa por dúas supostas faltas de abandono do seu posto e por, presuntamente, facilitar o acceso ás instalacións do estaleiro para a realización dunha ocupación simbólica de protesta (o pasado 27 de maio). O afectado, pola súa banda, nega estas acusacións.
A CIG anunciou novas mobilizacións para as próximas semanas co fin de seguir esixindo a readmisión do traballador e para pedir ás administracións que interveñan “para frear a crise que azouta ao sector naval de Vigo”.