InicioSucesosOs forenses ven "cribles" os testemuños dos menores que acusan de abusos...

Os forenses ven “cribles” os testemuños dos menores que acusan de abusos sexuais a un cura dos Salesianos

Os peritos psicólogos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) avaliaron ás vítimas e destacaron que o seu testemuño é "crible" e que nel non detectaron "ningunha motivación espúrea, ao contrario tiñan unha relación de confianza coa persoa investigada".

PUBLICADO O

Os forenses consideran “crible” o relato dos menores que acusan de abusos sexuais a un cura dos Salesianos xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra por feitos supostamente sucedidos nun campamento de verán.

Na terceira sesión do xuízo contra Segundo C.V., o sacerdote do colexio Salesianos de Vigo acusado de abusar sexualmente de varios menores de 16 anos a Fiscalía modificou a acusación nun dos casos de abuso eliminando a consideración de “continuado” e retirou os cargos respecto dun dos menores co que a petición de condenas refírese a cinco mozos.

Durante o xuízo que se celebra na Audiencia Provincial de Pontevedra, este xoves a defensa do sacerdote chamou a declarar a numerosos mozos, aínda que a maioría deles non participara no campamento de verán organizado polo colexio María Auxiliadora da congregación dos Salesianos, a través da asociación xuvenil Abertal.

Si que acudiran outros anos como alumnos ou como monitores pero nada puideron achegar en relación aos feitos que se xulgan. A súa declaración limitouse a reiterar que a relación do procesado con todos eles era “cordial” e “estreita”.

Tres das testemuñas da defensa que si participaron no campamento do verán de 2019 aclararon que eles non eran amigos das vítimas e que estaban noutra habitación distinta. Un deles explicou ante o tribunal que “lembro que un día uns mozos estaban moi mal, chorando, e que xuntaron as camas” aínda que naquel momento non sabía o que sucedera.

Os letrados da defensa tamén citaron a dous curas salesianos pero que non foron a ese campamento, así como a pais doutros alumnos e familiares do acusado que falaron en favor deste.

“RELACIÓN DE CONFIANZA”

Tamén compareceron ante a sala por videoconferencia os peritos psicólogos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) que avaliaron ás vítimas e que destacaron que o seu testemuño é “crible” e que nel non detectaron “ningunha motivación espúrea, ao contrario tiñan unha relación de confianza coa persoa investigada”.

Como consecuencia destes feitos, os psicólogos apreciaron que algúns dos mozos sufriron de trastorno de tensión postraumática ou sintomatoloxía de trastorno psicolóxico adaptativo de grao menos grave, con problemas de soño (pesadelos), pensamentos recorrentes, recordos angustiosos, involuntarios e intrusivos do suceso, baixo rendemento escolar, síntomas depresivos, sentimento de estigmatización e desconfianza, alteracións negativas cognitivas e do estado de ánimo asociadas ao suceso.

A iso sumaron comportamento irritable e arrebatos de furia, hipervixilancia, problemas de concentración, polo que algúns deles precisaron terapia psicolóxica a fin de poder entender, integrar e resolver a situación que sufriron para que non lle afectase ao seu desenvolvemento.

Nas súas conclusións destacaron que “son indicadores propios de vivir unha experiencia traumática en todos os casos”. Tamén negaron que o relato dos menores sexa froito dunha “suxestión” como expuxo a defensa do acusado. No mesmo sentido manifestouse unha psicóloga que tratou aos menores. No caso de dous dos mozos achegouse un “test de credibilidade”, unha proba que non se practicou co resto de nenos “para evitarlles unha victimización secundaria”.

A defensa achegou a pericial dun psicólogo que avaliou ao sacerdote, un informe de parte que se incorporou este martes á causa e que sostén que o cura “non ten o perfil propio dun abusador”. Os letrados da acusación sinalaron que este informe estaba incompleto algo que recoñeceu o seu autor.

O vindeiro luns ás 11,30 horas a Sección Cuarta da Audiencia acollerá a lectura dos informes das partes, co que o xuízo quedará previsiblemente visto para sentenza.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...