O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este xoves a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avala a instalación de ramplas mecánicas na reforma da Gran Vía, e instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a “vir á cidade e pedir perdón” por paralizar “” a obra por “motivos políticos”.
Nunha rolda de prensa, na que o rexedor estivo acompañado polo seu catro tenentes de alcalde (Carmela Silva, Elena Espinosa, María José Caride e Francisco Javier Pardo), proclamou que a sentenza do TSXG dá a razón “en todo” ao Concello, e sinala que a Xunta non acreditou que afectación podería ter a reforma da Gran Vía nos edificios catalogados (que non teñen contorna de protección).
Segundo aseverou Caballero, a orixe do informe negativo de Patrimonio está nunha campaña iniciada polo PP vigués polo “medo” a ser “vapuleado” nas eleccións municipais. A partir de aí, “presentáronse denuncias particulares” e a Xunta reclamou o proxecto, para informalo negativamente despois.
O alcalde sinalou que todo ese proceso foi “unha actuación política premeditada e planificada” por Feijóo, secundada polo conselleiro e polo PP na cidade, todo co fin de “facer dano” a Vigo e ao propio alcalde. “Feijóo utilizou o seu poder de presidente da Xunta para danar a Vigo, deu a instrución de paralizar a obra e o conselleiro aplicouna”, sinalou Abel Caballero, que constatou que o TSXG deu “un severo correctivo” ao presidente galego.
Así, tras a sentenza do alto tribunal, Abel Caballero esixiu a Feijóo e ao conselleiro que “pidan perdón” por paralizar ” este proxecto, e outros moitos que, segundo o alcalde, parou ou atrasou, “como a humanización de García Barbón no nó de Isaac Peral, o pavillón de Matamá, Rolda Don Bosco, ou o Paseo de Bouzas”.
O alcalde tamén volveu a denunciar que Feijóo acabou co proxecto da área Metropolitana, que se opón ao AVE directo Vigo-Madrid, que quere “bloquear” a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade, ou que “lle quitou” a Vigo a súa caixa de aforros.
CONTINUACIÓN DA REFORMA DE GRAN VÍA
En todo caso, e tras a resolución xudicial sobre as obras de Gran Vía, que avala que non requiren autorización de Patrimonio, o rexedor olívico confirmou que o goberno local continuará coa reforma da rúa e a instalación de máis ramplas mecánicas, “á velocidade da luz”.
No entanto, lamentou que agora volverá haber problemas de tráfico e cortes en Gran Vía, pola negativa da Xunta a autorizar toda a actuación nunha soa vez. “Vou pór carteis, para que cando haxa un atasco a xente saiba que llo debe a Feijóo“, proclamou.
O goberno local habilitará os remanentes necesarios para levar a cabo o que queda do proxecto, e as actuacións comezarán no tramo superior da avenida, que estará en licitación nun prazo máximo dun mes.
Ademais, Caballero apuntou que a sentenza do TSXG “permite o proxecto inicial” do Concello, polo que avalaría o traslado do Monumento ao Traballo (coñecido como ‘Os Redeiros’), unha posibilidade que xerou certa controversia na cidade.