InicioPolíticaAbel Caballero carga contra o BNG por votar "co PP" contra uns...

Abel Caballero carga contra o BNG por votar “co PP” contra uns orzamentos do Estado que “atenden a Vigo”

Afirma que as contas atenden grandes proxectos da cidade, como o AVE por Cerdedo, a construción dunha Biblioteca do Estado ou a autovía en túnel ao Porriño. Os nacionalistas responden que os investimentos en Galicia se reducen un 11 por cento, e "volven deixar nun caixón as necesidades de Vigo".

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este luns a portavoz do BNG, Ana Pontón, de criticar os Orzamentos Xerais do Estadopara “xustificarse” porque a súa formación votará “co PP” no seu rexeitamento ás contas do Goberno central para 2021.

O rexedor criticou que Pontón afirme que Galicia queda “fóra dos investimentos estratéxicos” do Goberno central, cando “Vigo si está a ser atendida” polo Executivo de Pedro Sánchez. “Pregúntolle se cre que Vigo non é Galicia, porque se cadra o BNG cre que Vigo non é Galicia“, censurou.

Caballero valorou que o Goberno socialista de España está a atender os grandes proxectos da cidade, como o AVE por Cerdedo, a construción dunha Biblioteca do Estado ou a autovía en túnel ao Porriño, que foron “paralizados” polo PP, “co que o BNG vai votar en Madrid”.

Tras enumerar eses proxectos, o rexedor lanzou unha mensaxe á portavoz nacional do BNG: “Os proxectos estratéxicos de Vigo, que son os de Galicia, non estarán na súa mente, pero nos Orzamentos si, por que engana? É porque van estar á beira do PP en Madrid e quere buscar unha xustificación?”.

O alcalde advertiu de que se o BNG vota ‘non’ aos orzamentos, estará a dicir ‘non’ a actuacións como a Biblioteca do Estado, o AVE ou o saída sur ferroviaria. “O BNG vai votar co PP en contra a cidade”, sentenciou.

RESPOSTA DO BNG DE VIGO

O BNG de Vigo saíu ao paso das declaracións de Abel Caballero, ao que pediu que “abandone o ditado do argumentario de Ferraz” e “estude en profundidade” os orzamentos, xa que así comprobará que os investimentos en Galicia redúcense un 11 por cento, e “volven deixar nun caixón as necesidades de Vigo”.

O concelleiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, instou ao rexedor a que explique por que PSOE e Unidas Podemos van votar non ás emendas do BNG, que piden aumentar en 45,5 millóns os investimentos dos orzamentos para Vigo. “Terá que explicar por que di non ao soterramento da VG-20, ou a aumentar a partida do saída sur”, engadiu.

“Xa abonda de propaganda, o que contan son os números”, proclamou Pérez Igrexas, quen incidiu en que “o único que vai condicionar” a posición do BNG é que s orzamentos  “atendan de verdade ao que merece o país”. “Non van contar co apoio do BNG a unhas contas que discriminan a Galicia e desatenden a Vigo“, sentenciou.

Finalmente, o edil nacionalista pediu ao alcalde da cidade que, “se quere facer algo útil e xa que presume de ter liña directa co presidente do Goberno”, que “descolgue o teléfono” e “convenza” ao Executivo de aceptar as emendas do BNG.

ÚLTIMAS

O TSXG anula o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion en Stellantis, Benteler e Lear

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o calendario laboral de 2023 do persoal...

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

O aeroporto de Peinador suspende a súa actividade este luns ara finais de mes

O aeroporto de Peinador, en Vigo, suspenderá a partir do próximo luns, día 6 de maio,...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...