O servizo de Medicina Intensiva do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo puxo en marcha unha nova terapia para pacientes con COVID-19, consistente nunha técnica extracorpórea de lavado de dióxido de carbono (CO2), coñecida como ECCOR2.
O hospital vigués convértese así no primeiro de Galicia en aplicar esta técnica, que é un soporte respiratorio capaz de mimetizar o funcionamento do pulmón do enfermo, en pacientes con coronavirus e de prognóstico moi grave, con compromiso vital, e cando fracasaron as técnicas respiratorias convencionais.
Segundo explicou o intensivista Nacho Chico, esta técnica xa se usa na UCI do hospital vigués desde fai un par de anos, en pacientes con enfermidade pulmonar crónica. “Os bos resultados fixeron que estudásemos o seu emprego con pacientes COVID“, sinalou, e explicou que, por agora, utilizouse con dous enfermos, un dos cales evolucionou moi favorablemente e foi dado de alta, mentres que o outro segue ingresado con este tratamento na UCI.
O sistema ECCOR2 realiza a función respiratoria de “lavar” o sangue do paciente e, a través dunha cánula, extráese ese sangue para eliminar o exceso de dióxido de carbono. O seu uso está indicado cando o resto de manobras de protección pulmonar fracasaron, e o que se fai é deixar o pulmón en repouso, co paciente sedado, mentres a máquina fai o seu traballo.
A infección por COVID-19 produce un distrés respiratorio agudo severo, diferente a un distrés clásico, xa que os pacientes sofren unha reacción inflamatoria nos pulmóns pero teñen unha osixenación aceptable. No seu caso, o principal problema é que son incapaces de eliminar o dióxido de carbono do sangue, e a concentración dese gas no organismo está asociada a unha maior mortalidade.
A UCI do Álvaro Cunqueiro leva anos utilizando unha técnica similar, o ECMO, consistente nunha membrana extracorpórea, que tamén realiza as funcións do pulmón. Nese caso, a través de dúas cánulas, extráese todo o sangue do corpo do enfermo para osixenala e retornala ao organismo.
A diferenza fundamental coa nova técnica ECCOR2 é que esta ten como finalidade eliminar o CO2, e non osixenar, polo que necesita menos fluxo de sangue, e as membranas que se utilizan son máis pequenas. Ademais, é unha técnica menos invasiva e diminúe o risco de complicacións.
En todo caso, o doutor Chico advertiu de que o uso en pacientes COVID é moi recente e que aínda non se fixeron estudos sobre a súa eficacia. “Necesitamos seguir investigando e aprendendo sobre novas terapias, e sobre o comportamento clínico deste virus e das enfermidades que provoca“, engadiu.