InicioSociedade'Gargallada Científica', científicos da UVigo con alma de divulgadores e corazón de...

‘Gargallada Científica’, científicos da UVigo con alma de divulgadores e corazón de contacontos

Patricia González, investigadora de CINTECX, gaña a primeira edición de 'Gargallada Científica' da UVigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Empregar o humor sen renunciar ao rigor, e facelo en galego. Esta é a filosofía que impulsa ‘Gargallada Científica’, o concurso de monólogos científicos da Universidade de Vigo, iniciativa que acaba de coroar a Patricia González Cabaleiro, investigadora predoctoral no grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, GeoTech, do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, da UVigo, como gañadora da súa primeira edición coa proposta ‘Podería dicir que son’.

O xurado, integrado por Andrea Muras Moura, Luís Pena Morandeira e Ana Costa Montes, subliñou no seu fallo “a capacidade de Patricia para fusionar contido científico rigoroso cunha retranca galega moi característica nun vídeo cun guion orixinal e cheo de metáforas divertidas, acompañado dunha coidada calidade técnica e dunha interpretación especialmente destacable”.

En total presentáronse ao certame seis traballos que poden visualizarse a través da canle de Youtube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo. Realizados polos investigadores Mario Soilán Rodríguez, Lorenzo Antonio Xusto Cousiño, Fernando Álvarez Álvarez, Celestino Quintela Sabarís e Wendy Fernández Poxou, a decisión final do xurado foi “especialmente complicada” pola alta calidade das propostas presentadas, das que destacaron “unha clara vontade divulgativa acompañada de recursos humorísticos variados e a capacidade de conectar cun público amplo”.

Patricia González, investigadora de CINTECX, gaña a primeira edición de ‘Gargallada Científica’ da UVigo
O vindeiro xoves participará no café Vitruvia nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras

COMEDIA E CIENCIA EN DIRECTO

Como recollen as bases, o premio consiste nun kit audiovisual valorado en 600 euros, pensado para seguir estimulando na premiada a creación de novos contidos divulgativos. Ademais, e como colofón do concurso, as autoras participan este xoves nunha sesión de “só” de ciencia no Vitruvia Café de Vigo, unha sesión na que terá a oportunidade de pór en práctica as súas capacidades como monologuista fronte ao público e na que compartirá escenario coas científicas e divulgadoras Ángela Arnosa Prieto e Andrea Muras Mora, así como co actor e director de teatro Quico Cadaval, como convidado especial. O cartel complétase coa presenza de Quico Cadaval, unha figura esencial do teatro e do humor en Galicia.

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

O certame de monólogos inscríbese nas actividades de divulgación científica da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) con motivo do Día da Ciencia en Galego e nace co obxectivo de dar visibilidade ao talento divulgador en galego e mostrar que a investigación tamén pode ser fonte de gargalladas. As accións vinculadas a esta efeméride forman parte do plan especial 5º Aniversario Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ? Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

ÚLTIMAS

Así será o novo Balaídos: 86 millóns, unha Tribuna de 14.200 espectadores e obras ata 2029

O futuro de Balaídos comeza a tomar forma sobre o papel, cun proxecto que...

Vigo marchou dividido nas protestas do 25N

Miles de persoas saíron á rúa este mércores en Vigo para expresar a súa...

Belén Aguilera chega a Vigo antes das eleccións do 29N: “Como artista e como muller, dáme medo o que poida pasar, pero non vou...

Hai artistas para os que cada disco representa un cambio de pel, unha necesidade...

O barco de Greenpece máis efeciente leva o selo vigués

Trátase dun veleiro de 75 metros cuxo deseño sitúa no centro a propulsión eólica...