Máis problemas con mozos portugueses que infrinxen as medidas anticovid e normas nas Cíes

Identificados catro mozos do país veciño nas Cíes por arroxarse ao mar desde un peirao e non levar máscaras. Hai catro días foron expulsados das illas outros tres mozos portugueses.

Illas Atlanticas
A praia de Rodas en Cíes / © Miguel Núñez

A Policía Local identificou a catro novos de nacionalidade portuguesa de entre 18 e 20 anos por arroxarse ao mar desde o peirao de Rodas, situado nas Illas Cíes, e non portar máscaras. Non son os únicos que presentaron problemas: o pasado 7 de decembro foron expulsados das Cíes outros tres mozos do país veciño por non respectar as normas dese espazo natural e por non levar posta a máscara.

Fontes policiais detallaron que este luns sobre as 17,45 horas uns axentes que realizaban labores de control nas illas observaron como varias persoas se arroxaban ao mar desde o peirao de Rodas. Tras dirixirse ao lugar, descubriron que os mozos continuaban tirándose á auga mentres tomaban fotografías dos saltos.

Unha vez na zona, os policías entrevistáronse con estas persoas, que non portaban máscaras e que recoñeceron que descoñecían que a súa conduta non estivese permitida. Ademais, indicaron que se atopaban aloxados coas súas parellas no cámping das illas, no que permanecerían dous días máis.

Os policías ordenáronlles recoller as súas máscaras e as súas pertenzas, que deixaran na praia de Rodas, e volver ao lugar, ademais de identificalos e apercibilos. Posteriormente, cando regresaron ao peirao, os axentes indicáronlles que serían denunciados se cometían algunha nova infracción durante a súa estancia nas illas.

Tres turistas portugueses, expulsados das Cíes por non levar máscaras e desobecer as normas do espazo natural