InicioSociedadeUVigo ofrece o primeiro grao de Galicia con modalidade virtual: Dirección e...

UVigo ofrece o primeiro grao de Galicia con modalidade virtual: Dirección e Xestión Pública

Comezará no mes de setembro e contará con 20 prazas.

PUBLICADO O

O grao en Dirección e Xestión Pública converterase o próximo curso no primeiro do
Sistema Universitario de Galicia (SUG) en contar cunha modalidade virtual, para a que se ofertan 20 prazas, que se suman ás 25 do modo presencial. De xeito progresivo, a nova modalidade do grao que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (UVigo) irá substituíndo a actual opción semipresencial, de tal xeito que, como explica a coordinadora do grao, Soraya Rodríguez, no curso 2023-2024 “as únicas modalidades existentes serán a presencial e a virtual”.

Rodríguez sinala que se detectou que “a oferta dun grao virtual permitiría o acceso a
alumnado que, ata o de agora, tiña moitas limitacións para acceder a estes estudos por
residir fóra de Galicia”. Coa nova modalidade será posible cursar o grao “dende calquera país, adaptando o seguimento aos seus horarios”, así como “realizar as diversas probas de avaliación de maneira virtual, facilitando a conciliación familiar e laboral do alumnado”, salienta a coordinadora.

MESMOS CONTIDOS, DIFERENTE METODOLOXÍA

A implantación desta nova modalidade chega tras unha modificación do plan de estudos do grao que buscou, como explica a súa coordinadora, “adaptar o currículo, competencias e actividades formativas ás novas necesidades das administracións públicas”, a través dunha “pluralidade e riqueza de contidos que permiten unha importante polivalencia” e do que forman parte ámbitos como o dereito, a contabilidade, a economía, o márketing e empresa ou as políticas e a xestión pública.

Este novo plan abrangue tanto a modalidade presencial como a virtual, coas mesmas materias e competencias, pero con diferenzas “nas metodoloxías e nas ferramentas a empregar” para a docencia e avaliación. Estes cambios implican sacarlle o máximo partido a UVigo Virtual, empregando tanto a plataforma de teledocencia Moodle para xerar “pílulas explicando os contidos máis relevantes dos temas, foros de
debate e diversas probas avaliativas”; como as aulas virtuais do Campus Remoto para
as clases.

A EXPERIENCIA ACUMULADA E A INESPERADA

A experiencia da modalidade semipresencial do grao, posta en marcha no curso 2014-
2015 e que implicaba xa o desenvolvemento da docencia a través da plataforma Faitic,
pero tamén do mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, que se imparte desde hai nove anos, resultaron, como recoñece Rodríguez, “decisivas” para
deseñar esta nova modalidade. 

“Durante os últimos anos vimos comprobando que ferramentas e metodoloxías docentes funcionan coa docencia virtual e cales non e tamén detectamos onde están as principais dificultades do alumnado a distancia”, salienta a coordinadora do grao. Mais a estas experiencias previas sumouse a obrigada, nestes últimos meses, pola crise da COVID-19; unha “situación extraordinaria” que, como recoñece a coordinadora do grao, axudou a “pulir algúns aspectos” no referido á docencia telemática, así como a ver “novas posibilidades e experimentar cos sistemas de avaliación integramente virtuais”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...