Unha enfermeira do Chuvi en corentena: “Que a Xunta poña as pilas e faga test a todos os sanitarios”

"Unha parte moi importante xa está infectado sen síntomas e estamos esparcindo o virus a toda a comunidade", adverte.

Traslado dunha persoa infectada por coronavirus en Urxencias ©Miguel Nuñez
Traslado dunha persoa infectada por coronavirus en Urxencias ©Miguel Nuñez

“A sensación é de desprotección, medo e abandono”, comeza o seu relato unha enfermeira de Urxencias do Hospital Universitario de Vigo. Nesta crise por mor da expansión do coronavirus, o persoal sanitario é un dos colectivos máis expostos xa que están en primeira liña na loita contra a enfermidade. Os positivos entre médicos, traballadores de enfermaría e outro persoal hospitalario non deixa de medrar e segundo os últimos datos, Galicia chega aos 125 infectados – o que supón o 9% do total – e o conxunto do estado alcanza os 5.400, un 14% sobre o total.

Esta enfermeira do hospital de Vigo, xunto con outros seis compañeiros, levan unha semana en corentena nas súas casas á espera de que se lles realicen as probas de coronavirus tras tratar cunha paciente moi grave -non sospeitosa, naquel momento, de Covid19- que á que tiveron que entubar tan só cunha máscara quirúrxica como medida de protección. “Non había outra cousa”, conta esta profesional.

SEN MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Dende ese momento, estas sete persoas de urxencias permanecen confinadas nos seus fogares. “Sénteste inútil estando unha semana na casa esperando que che fagan a proba, coa incertidume de se estarás infectada ou non, convivindo coas miñas fillas… É complicado”, explica. Segundo di, estivo aproveitando esta semana para mercar a súa máscara e organizar os equipos de protección cos seus compañeiros para cando volvan incorporarse. Ata o de agora tiraron das doacións de material da xente.

“É inadmisible que un protocolo de seguridade se adapte en función das reservas de material”, critica a enfermeira, que chegou a ter un protocolo de uso de máscaras á mañá e outro diferente á tarde. “Dáme igual que Medicina Preventiva me diga que podo pasarlle un trapiño a unha máscara quirúrxica e que a reutilice, cando eu sei que son dun só uso. Iso vaime poñer en risco a min e aos meus pacientes. Eticamente non se pode levar a cabo”. Por este mesmo motivo, organízanse entre o persoal e buscan arternativas por todas as vías posibles. Promoven queixas todos os días a través do sindicato e dun programa de comunicacións do Ministerio de Sanidade, mais o sentimento segue sendo de “inseguridade, incertidume e abandono”.

PERSOAL SANITARIO INFECTADO

As circunstancias nas que os profesionais sanitarios están traballando estes días son totalmente distintas. “Podes pasar sete horas sen beber, sen ir ao baño…”. Ao esgotamento pola carga de traballo súmase tamén a carga mental. “Tes que estar pendente de non tocar a cara sen querer, de que ningunha de nós cometamos un erro á hora de quitar un EPI, tes a preocupación de se te terás lavado o suficiente, de se levarás algo no pelo, de que vai pasar na casa… A xente está moi crispada”, recoñece.

E para asegurar a protección de toda a sociedade, esixe, por riba de todo, “que a Xunta se poña as pilas” e faga test de detección de coronavirus a todo o persoal sanitario. “Unha parte moi importante xa está infectado sen síntomas e estamos esparcindo o virus a toda a comunidade”, adverte. 

Neste contexto de crise nótanse de maneira máis acentuada os recortes que a sanidade pública veu sufrindo ao longo dos últimos anos. “Faltan camas, falta persoal, falta dotación de reserva para emerxencias, faltan recursos… Esta situación leva a suspender operacións que xa estaban previstas para estes días”. A enfermeira do CHUVI critica que, á vez, haxa hospitais infrautilizados, como o Hospital Xeral Cíes, que se atopa “totalmente pechado”.

Dende un comezo, “infravalorouse a situación”, valora a enfermeira.

2 COMENTARIOS

  1. O Cíes foi REGALADO a unha Mutua Privada, Abel Caballero non o quería…!

    O SERGAS está implementando a súa política de LAZARETOS !

    O persoal sanitario para eles protéxese cun aplauso gratuíto tódolos días ás 8 da tarde !

    Cando deixaremos de APLAUDIR tanta Neglixencia ?

    Para eso estamos encerrados, para que ninguén poda abrir a boca !!!

  2. Son traballadora do HUAC,e vamos a deriva!! Eu ainda non vin a ninguen da xerencia dando apoio,e tamen tiven a sorte d non ver a preventiva,pq cada un di unha cousa! Estamos a traballar sen un criterio,pautas consensuadas,cada planta inplementa o modelo d outra q viu,pq se da tempo antes de reconvertir a tua planta a covid_19,vas 1_2 turnos a unha planta q levan un dia traballando con ese tipo d pacientes e despois cando abren a tua planta vas aplicando o q viches, problema q cada compañeira vai a unha planta,enton cada unha quere implementar o q viu,q o mesmo tempo e diferente o q viu outra!! Co cal chegamos o caos,desorden e logo q esta ben que reforcen pq senon co persoal habitual d planta seria inviable pero aparecen 4 persoas q nin coñeces,q as pobres as mandan a batalla por ser eventuais,sorte q alguna delas xa lle dan un turno na mesma unidade outras as rotan!! Asiq polo d ahora non falta material!! A calidade non e excelente,pero hai!! E tes q protexerte ti e o material!! En resumen,caos desorde, ninguen da a cara,o servicio de precentiva q ainda q non sepa deberia dar un criterio unico,unha base unica da q partir, intentar axudar os servicios p organizarse e poder afrontar esto con orden! Esta situación de caos leva a peligro,medo, terror!!

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here