InicioVigo e contornaRedondelaÉ a familia Franco a propietaria dos terreos do Museo de Rande?

É a familia Franco a propietaria dos terreos do Museo de Rande?

Autoridade Portuaria de Vigo e Concello de Redondela sinalan que os terreos son de dominio público portuario e non poden venderse.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A controversia saltou este fin de semana logo dunha información recollida polo Faro de Vigo que sinalaba que unha inmobiliaria puxera á venda os terreos e edificios do Museo de Rande e apuntaba á familia Martínez-Bordiú como os propietarios dos mesmos.

Segundo a información, o Museo de Meirande situado nos terreos da coñecida como “Fábrica do Alemán”, estaban incluídos nun lote con outros terreos cun total de 7.800 m2 por un prezo de saída de 250.000€.

A resposta do Concello de Redondela e da Autoridade Portuaria ante a noticia non se fixo esperar, reclamando o terreo como dominio público portuario, e que polo tanto non podía ser vendido.

No caso do Concello de Redondela, a súa alcaldesa Digna Rivas en declaracións á Radio Redondela lanzaba unha mensaxe de “calma e tranquilidade” á venciñanza e sinalaba que sobre o terreo do Museo de Rande tiñan concedida unha cesión por 35 anos por parte da Autoridade Portuaria de Vigo e que a discusión estaría nos “lindes dalgúns terreos da contorna”.

A Fábrica do Alemán

A fábrica do alemán foi antes unha empresa de salgadura de peixe e carne fundada en 1836 por unha familia catalá, os Carsí. A familia Carsí mantivo a propiedade da factoría ata 1939 onde pasa a mans do empresario Román Cordero Martín.

Finalizada a Guerra Civil española Cordero inicia a modernización das instalacións e solicita permiso para ampliar e ocupar máis espazo da zona marítimo terrestre portuaria, pero a un ano de rematar as obras a factoría pasa a mans do empresario alemán Otto Gerdtzen Boyé en 1944, fundando o que serían a fábrica de Conservas Boyé.

Dende ese momento as instalacións pasan a ser coñecidas popularmente como a “Fábrica do Alemán” e a súa actividade perdura ata 1955, cando a fábrica pecha definitivamente como conserveira.

Otto Gerdtzen Boyé, o empresario con vínculos co nazismo en Vigo

Membros do “Hogar Alemán” en Vigo – Instituto de Estudos Vigueses

Pero a salgadura e a conserva non eran os únicos negocios do “Alemán”. Na súa chegada a Vigo Otto Gerdtzen vende máquinas frigoríficas para as conserveiras, así como motores mariños diesel da marca Otto-Deutz.

A prolífera actividade do empresario alemán aparece tamén vinculada á minería e extracción do volframio, o mineral galego esencial para a construción dos temidos tanques Panzer alemáns.

O cargadoiro próximo á fábrica do Alemán tivo unha intensa actividade, con presenza continua de buques que daban servizo de aprovisionamento aos submarinos U-boot alemáns. Feito recollido nos diarios persoais do almirante alemán Karl Doenitz.

Vapor Estoril cargando mineral en Rande – Foto Pacheco.

A frenética actividade empresarial de Otto Gerdtzen xunto á do cónsul alemán en Vigo, Karl A. Vorkauf, non pasou desapercibida para os servizos de espionaxe aliados. Feitos polos que Inglaterra e EEUU prohiben en 1917 e 1918 calquera acordo comercial con estes empresarios con motivo da Primeira Guerra Mundial.

Pero este veto non sería o único e a reserva federal dos Estados Unidos volvería a incluílos na súa lista negra en 1942, unha vez finalizada a Segunda contenda.

O vínculo coa familia Franco

Isabel de Cubas Gerdtzen Urquijo
Isabel de Cubas Gerdtzen Urquijo . Foto Diario de Navarra

O parentesco dos actuais donos dos terreos, os irmáns Martínez-Bordiú de Cubas está ligada á descendencia da propia filla de Otto Gerdtzen, Isabel Gerdtzen Falces que en 1926 casa co conde Francisco de Cubas y Urquijo e froito dese matrimonio nacen dous fillos. Isabel de Cubas Gerdtzen Urquijo, e Gustavo.

Isabel de Cubas Gerdtzen Urquijo contraería matrimonio co Conde de Morata de Jalón, Andrés Martínez-Bordiú Ortega, irmán de Cristóbal Martínez-Bordiú Marques de Villaverde o “yernísimo” do ditador Francisco Franco.

Quen é o titular dos terreos?

Pois “a batalla”, e nunca mellor dito, está servida xa que Autoridade Portuaria e Concello de Redondela aseguran que son de dominio público portuario e por tanto non poden ser vendidos.

Esta postura ven defendida porque o 1 de setembro de 2004 a Autoridade Portuaria de Vigo incoa expediente de caducidade da concesión á última titular Dª Isabel Gerdtzen Falces (filla de Otto Gerdtzen), da que fora a ampliación da fábrica de salgadura e a rampla de servizo en Rande onde estaba a fábrica de Conservas Boyé.

A Autoridade Portuaria sinala no anuncio a imposibilidade de notificación á interesada e dálle un prazo de 10 días para presentar alegacións. Alegacións que nunca chegarían.

A caducidade desta concesión culminaría o 21 de setembro de 2011 coa aprobación por parte da Autoridade Portuaria dunha concesión de ocupación de 2.500 m2 dos terreos da “Fábrica do Alemán” ao Concello de Redondela por un período de 35 anos.

As contradicións

A información recollida polo Faro de Vigo fala da posta á venda de 1.278 m2 dos terreos do Museo de Rande, dato que non coincidiría coa información de catastro que sinala que a parcela ocupada ten 2.378 m2.

Polo que todo apunta a que a parcela en venta podería ser a da escritura orixinal dos Carsí e por tanto propiedade dos Martínez-Bordiú em herdanza, e non do recheo sobre o dominio público onde se atopa o Museo de Rande.

Correspóndelle agora ás partes – Familia Martínez-Bordiú de Cubas, Autoridade Portuaria e Concello de Redondela – delimitar esas lindes e despexar definitivamente a incógnita.

ÚLTIMAS

Papá Noel toma un ano máis as rúas de Vigo en moto

Miles de papanoeles en moto déronse cita, un ano máis, este sábado para percorrer...

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Un vigués entre os 11 detidos por facer grafitis en trens de Cataluña

Unha operación conxunta entre Policía Nacional, Mossos d'Esquadra e Garda Urbana de Barcelona (GUB)...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...