InicioSucesosO Concello de Tui asegura que non coñecía o almacén ilegal, e...

O Concello de Tui asegura que non coñecía o almacén ilegal, e precintara a sede coñecida da pirotecnia pola súa irregularidade

O material estaba sendo almacenado de forma ilegal.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Tui asegura que a explosión rexistrada o mércores pola tarde nun lugar onde se almacenaba de maneira ilegal material pirotécnico produciuse nun “sitio non coñecido” polo Consistorio.

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press, o alcalde da localidade, Carlos Vázquez Padín, quen comentou que a “sede coñecida” da empresa pirotécnica La Gallega, propiedade do detido pola explosión do almacén ilegal, situada en Baldráns, Tui, foi precintada en 2016 por un “expediente urbanístico“, pero o almacén ilegal que explotou era “descoñecido” para o Concello.

Sobre a situación de La Gallega, fontes próximas á investigación consultadas por Europa Press, explicaron que esta pirotecnia “cumpría os requisitos que se requiren” para a súa actividade e, desde o punto de vista legal, “cumpría coa normativa na última inspección” que lle realizaron.

Trala explosión / Miguel Núñez

Non entanto, as mesmas fontes consultadas matizaron que o almacén habilitado nun galpón que explotou “era ilegal” e o material pirotécnico estaba “almacenado de forma ilegal” en Paramos.

Ademais, o detido, ao que non lle constan detencións previas, ten algunhas denuncias administrativas anteriores relacionadas coa empresa pirotécnica da que é dono.

REGULARIZACIÓN

Sobre a situación da empresa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou, durante a súa visita este xoves á zona afectada pola explosión, que o propietario da pirotecnia “estaba a tentar regularizar” a súa situación para “cumprir os límites de lindes” con parcelas lindeiras “e volver regularizar a vía urbanística”.

Respecto diso, Feijóo aclarou que a empresa ten licenza desde o punto de vista de manipulación de explosivos por parte da Guardia Civil e a “documentación correcta” en relación a esta actividade.

Dous mozos, trala explosión / Miguel Núñez

O titular da Xunta puntualizou que “desde o punto de vista urbanístico” houbo denuncia e o Concello abriu expediente urbanístico e anulou a licenza, polo que o propietario de La Gallega “estaba a tentar regularizar” este aspecto para “cumprir cos límites de lindes” con parcelas lindeiras.

“Volvo insistir, hai que diferenciar entre o que é unha autorización urbanística e industrial”, sostivo Feijóo en declaracións aos medios, para reiterar que “desde o punto de vista industrial si” estaba legalizada a empresa, pero “non cumpría” a parte urbanística, polo que “estaba en fase de regularización”.

En ningún caso é competencia do Goberno autonómico, polo que hai que ser moi prudente sobre elementos que serán obxecto da investigación”, sentenciou o mandatario autonómico.

DIFERENZAS CON COMPAÑEIROS

Sobre esta empresa, o presidente da Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos, Argimiro Alborés, comentou a Europa Press que o dono desta pirotecnia “tiña algunhas diferenzas con compañeiros por algunha festa” e abandonou esta unión “e foise pola súa conta”.

“Nós non podemos obrigar a ninguén a estar na asociación”, comentou o presidente da entidade, quen matizou que en Galicia son “16 empresas” e La Gallega “fai seis sete anos” que deixou a Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos.

Explosión de Tui/ Miguel Núñez

Segundo o rexistro de empresas no que consta a empresa Pirotecnia La Gallega S.L., esta ten como propósito comercialización de produtos pirotécnicos e foi creada o 10 de abril de 1991.

A empresa está rexistrada no lugar de Baldráns, no municipio de Tui, e o seu patrimonio social sitúase entre 3.100 e 60.000 euros.

O DETIDO PASARÁ A DISPOSICÍÓN XUDICIAL ESTE VENRES

O Xulgado de Instrución número 1 de Tui prevé que o detido pase a disposición xudicial na mañá deste venres. Segundo informaron fontes xudiciais, está previsto para entre as 10:00 e as 11:00 horas pase a disposición xudicial en Tui.

O dono da pirotecnia La Gallega prestou declaración este xoves na Comandancia da Guardia Civil de Pontevedra, após pasar a noite nestas dependencias.

Os investigadores impútanlle os delitos de homicidio imprudente, estragos e danos por imprudencia debido a esta explosión na que se rexistraron dúas vítimas mortais e 37 feridos, así como cuantiosos danos materiais.

CABALLERO ESIXE MEDIDAS PARA IMPOSIBILITAR DEPÓSITOS QUE XEREN RISCOS

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou a súa “solidariedade e apoio” ás vítimas da explosión que se produciu este mércores en Tui, e reclamou “extremar cautelas, as medidas e a aplicación das normas existentes, para que non poida existir ningún tipo de depósito legal ou ilegal que poida xerar ningún tipo de risco para os cidadáns”.

Así, durante unha visita a Navalia, en Vigo, indicou que cando acudiu este mércores á parroquia tudense afectada atopou un “panorama desolador“, ao que se suma o achado este xoves dunha vítima mortal máis. Un marco no que trasladou a súa esperanza de que ao longo desta xornada non se dea “un panorama máis complexo”.

Veciñanza de Tui / Miguel Núñez

Neste ámbito, comentou que “non fai nin 24 horas desa explosión”, polo que entende que “é o momento de ser cautos” e de trasladar o seu “apoio e solidariedade, con todo respecto”. Xa con posterioridade, agregou, “corresponderá abrir unha análise sobre que pasou, cales son as causas do que ocorreu e as responsabilidades que se poidan expor daquela situación”.

Neste mesmo sentido, mantivo que o que “corresponde en toda Galicia a todos os responsables públicos e políticos” é trasladar ás vítimas e familiares e ás forzas e corpos de seguridade a súa “solidariedade e apoio”.

No entanto, si puntualizou que “é moi importante para a cidadanía ter todas as garantías de seguridade, e por tanto, extremar as cautelas, as medidas e a aplicación das normas existentes, para que non poida existir ningún tipo de depósito legal ou ilegal que poida xerar ningún tipo de risco para as familias e cidadáns”.

ÚLTIMAS

Aínda queda xente honesta: unha persoa acha unha bolsa con case 2.000 euros e entrégalla á Policía Local

A Policía Local devolveu ao seu lexítimo dono unha bolsa que contiña case 2.000 euros e...

Caballero pregunta a Louzán se a exclusión de Vigo do Mundial 2030 foi por “odio” ou por “instrucións de Rueda”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a acusar este mércores a Rafael Louzán,...

Deteñen por ameazas ao mozo que agredira a outro menor en Vigo en novembro

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou a detención por ameazas, este...

Un menor agredido en Vigo leva días sen ir ao insituto e recibindo ameazas, denuncian os pais

Os pais dun menor que sufriu unha agresión hai varias semanas en Vigo denunciaron...