O Concello de Vigo recorrerá a licitación do servizo de explotación, conservación e mantemento da presa de Eiras que expón a Xunta de Galicia, xa que, ao seu xuízo, se trata de “unha competencia que xa é do Concello”.
Así, nunha rolda de prensa, o alcalde, Abel Caballero, asegurou que xa en 1962 esta explotación foi concesionada ao Concello de Vigo, polo que lamentou a “estafa” que supón, segundo el, que o Goberno galego “estea empeñado en facer pagar a Vigo 655.000 euros polo mantemento de Eiras”.
“A Xunta non respecta esa concesión, por iso lle imos gañar outra vez. Outra vez a Xunta querendo facer pagar a Vigo 655.000 euros de algo que xa é unha concesión”, apostilou Caballero mentres ensinaba aos xornalistas o Boletín Oficial do Estado (BOE) do 17 de agosto de 1962, onde se concesionaba este servizo.
Abel Caballero dixo que é o Concello de Vigo o que “fai todo” e o que paga Eiras. “Só hai unha supervisión técnica a cargo da Xunta”, indicou, tras o que volveu a cargar contra o Executivo autonómico porque, segundo Caballero, tamén outros concellos que se abastecen con auga dese encoro terían que pagar a parte que lles corresponde deses 655.000 euros.
DISPOSICIÓNS LEGAIS
En canto a estas declaracións, fontes da delegación territorial da Xunta en Vigo aclararon que o Goberno galego “non quere cobrar pola presa de Eiras”, senón que “hai disposicións legais” que levan en Vigo “desde a súa orixe” e que son reclamadas ao Concello de Vigo “desde hai moito tempo”.
“É necesario aclarar que o canon da auga o pagan os usuarios, non os concellos. A taxa de regulación que se lle está pasando ao Concello de Vigo tena que pagar o Concello porque para iso lles cobra polo abastecemento de auga aos veciños. O canon da auga é unha taxa ambiental que se paga polo consumo da auga en cumprimento do Directiva Marco da UE. A taxa de regulación establécese para que a Administración que se beneficia dun sistema de abastecemento de auga asuma os custos de conservación”, indicou.
A Xunta engadiu que o sistema de abastecemento de Vigo se serve da auga do encoro de Eiras, que necesita “traballos continuos” de mantemento e de seguridade que o Concello “non fai”, a pesar de ser o titular, polo que son feitos pola Xunta.
“Desa forma, a concesionaria chama directamente a Augas de Galicia cada vez que, sen ir máis lonxe, se funde unha lámpada, e a Xunta vai e cámbiaa. Tamén supón estar permanentemente velando pola seguridade da presa. O Concello de Vigo si asume a xestión e seguridade da presa de Zamáns”, explicou.
CUSTOS
Para a Xunta, eses traballos teñen un custo, polo que indicaron que a lexislación de augas, prevé que ese custo de xestión dos encoros da Comunidade “se repercutan nos titulares dos sistemas de abastecemento a través do chamado canon de regulación”.
“A Xunta só lle cobra a taxa aos concellos que son titulares dos sistemas de abastecemento, neste caso a Vigo. A Xunta non lle cobra nada nin a Moaña, nin a Cangas nin a Redondela nin a Porriño. Con todo, o Concello de Vigo, a través da súa concesionaria, Aqualia, si lles cobra unha taxa a estes concellos. É o Concello de Vigo o que lles cobra, non a Xunta“, sentenciou.