InicioSucesosDetido en Vigo un condutor tras unha espectacular fuga: circulou 14 km...

Detido en Vigo un condutor tras unha espectacular fuga: circulou 14 km en sentido contrario

Durante a fuxida impactou contra un vehículo da Garda Civil e dous axentes resultaron feridos.

PUBLICADO O

A Policía Nacional de Vigo detivo este mércores a un condutor de 34 anos de idade e de nacionalidade portuguesa como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, tras protagonizar unha espectacular fuga pola autovía A-55, pola que chegou a circular uns 14 quilómetros en dirección contraria.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron a pasada madrugada, cando o condutor dun Renault Clio se atopaba nun semáforo da Estrada Vella de Madrid, no cruzamento do Seminario. Ao achegarse a ese semáforo unha patrulla do 091, o condutor acelerou bruscamente e saltou todos os semáforos para emprender a fuxida pola A-55 en dirección ao Porriño.

O sospeitoso fixo caso omiso das indicacións da Policía e, lonxe de parar, mantivo a marcha circulando de forma temeraria, en zigzag, para evitar que a patrulla pasara por diante Á altura do hospital Meixoeiro, o condutor saíu da autovía de maneira brusca, cruzándose por diante do vehículo policial, cuxos ocupantes xa pediran reforzos e apoio de Policía Local e Garda Civil.

Tras realizar esta manobra, o condutor realizou outro xiro prohibido e volveu incorporarse á autovía, dando volantazos e tentando chocar contra o coche da Policía.

CIRCULACIÓN EN DIRECCIÓN CONTRARIA

Ao chegar á primeira saída do Porriño, e dado que a Garda Civil estaba a esperalo co paso bloqueado, o condutor fixo un xiro brusco e emprendeu a marcha pola autovía en sentido contrario, en dirección a Vigo.

Ante esta perigosa situación, e dado que o condutor sospeitoso mostraba un total desprezo pola seguridade da circulación e dos demais condutores, as forzas de seguridade cortaron os accesos ao viario, co fin de evitar que novos vehículos se incorporasen á circulación e aumentase o risco.

Con todo e con iso, o condutor ‘kamikaze’ cruzou, ao longo dos 14 quilómetros que percorreu en sentido contrario, con varios coches, cos que estivo a piques de chocar.

Ao chegar á saída 4 da A-55 (a de Segade-Bembrive), de novo no termo municipal de Vigo, o sospeitoso embestiu a un coche da Garda Civil, que lle estaba cortando o paso, e cuxos axentes tiveron que recibir atención médica posteriormente por posibles problemas cérvico-lumbares.

Aínda que tentou volver á autovía, non puido completar a manobra, xa que os vehículos policiais que o viñan perseguindo bloqueábanlle a marcha. Así, novamente de forma temeraria, o condutor meteuse por un carril sen saída e acabou impactando contra o gardarraíl e contra un muro, momento en que se puxo fin á súa perigosa fuxida.

O sospeitoso foi detido inmediatamente e solicitouse unha dotación de Garda Civil de Tráfico para realizarlle a proba de alcoholemia, ao que o condutor se negou en reiteradas ocasións.

Finalmente, foi trasladado a Comisaría (onde se comprobou que xa fora detido unha vez anteriormente) e o coche foi retirado polo guindastre municipal, á espera de coñecer a titularidade do mesmo. O arrestado e as dilixencias practicadas pasarán a disposición do xulgado de instrución número 8.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...