InicioCulturaO Morrazo, a principal área bilingüe de Galicia

O Morrazo, a principal área bilingüe de Galicia

"Os profundos cambios sociais da comarca do Morrazo están provocando unha aceleración do desprazamento do galego polo castelán", postulan dende a RAG.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Todas as enquisas demolingüísticas realizadas en Galicia indican a importancia do territorio na distribución da lingua, así como a súa relación coa idade e con outras variables importantes como a formación, a economía, a renda ou incluso o xénero das persoas.

De feito, a análise realizada polo Observatorio da Cultura Galega da evolución sociolingüística galega entre 1992 e 2008, utilizando unha clasificación de dinamismo dos concellos, conclúe que “a maior renda, nivel de urbanización, xuventude e nivel formativo da poboación, menor é a proporción de uso do galego e maiores son a do uso do castelán e, en xeral, a presenza dos colectivos bilingües”.

só dúas comarcas galegas sON consideradas bilingüES POLA RAG, LUGO ORIENTAL E O MORRAZO

Tamén os resultados das últimas investigacións da Real Academia Galega, “Lingua e Sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013” , dispoñibles tamén en formato resumido, sinalan que só o 30% das áreas comarcais galegas teñen máis dun 80% de galegofalantes predominantes, o cal, pasado a un formato numérico, quedaría en que só 6 das 20 áreas comarcais galegas son áreas galegofalantes.

Estas zonas correspóndense coa Coruña suroriental (Arzúa, Ordes e Terras de Melide), Costa da Morte (Bergantiños, Fisterra, Muros, Terra de Soneira e Xallas), Lugo oriental
(A Fonsagrada, Os Ancares e Terra de Lemos), O Carballiño e O Ribeiro,
Ourense sur (Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana) e Pontevedra
nororiental (Deza e Tabeirós, Terra de Montes).

“Porén, esta grande extensión territorial do galego non leva consigo un gran tamaño poboacional, xa que este 30% das áreas comarcais non equivale máis que a un 15%” dos habitantes, sostén o informe da RAG.

De tal xeito e segundo os achados da academia, habería só dúas comarcas en Galicia realmente bilingües, O Morrazo (con presencia principal do castelán) e Lugo Oriental (co galego coma lingua hexemónica).

Seguindo a lóxica de maior número de castelanfalantes nas áreas máis urbanizadas, mentres que a porcentaxe de galegofalantes na comarca de Vigo é do 27%, no Morrazo chega ao 39,9%. Coma pode apreciarse no seguinte gráfico, a porcentaxe de galegofalantes nas comarcas de A Coruña, Betanzos, Ourense e Vigo, como xa relatamos en Xdv, non chega ao 30%.

Mapa das áreas comarcais galegas pola porcentaxe de galegofalantes habituais / RAG

Como dixemos, as áreas predominantemente castelanfalantes correspóndese
coas zonas urbanas galegas máis poboadas. Polo tanto, as dúas áreas comarcais onde o galego ten unha menor presenza, 29,4% e 27% respectivamente, correspóndense cun terzo da poboación galega.

AUMENTAN OS CASTELANFALALANTES

O mapa da distribución de frecuencias, segundo a análise da RAG, presenta “unha visión moi clara da situación sociolingüística galega. Esta situación caracterízase por unha presenza case paritaria de galegofalantes e castelanfalantes.

Neste contexto, existen arredor de 1.200.000 castelanfalantes dos cales máis de 564.000 residen en dúas áreas comarcais ( A Coruña e Betanzos, Vigo) seguidos pola comarca Ferrol-Eume-Ortegal”.

Por outra banda, habería aproximadamente uns 1.300.000 galegofalantes que se distribúen dunha forma máis heteroxénea que os castelanfalantes.

Mapa das áreas comarcais galegas polo número de galegofalantes e castelanfalantes habituais / RAG

Os profundos cambios sociais da comarca do Morrazo están provocando unha aceleración do desprazamento do galego polo castelán“, postulan dende a RAG. Elaboraron un criterio restritivo de comarcas bilingües considerando aquelas que teñan un 60% ou máis de bilingües, e na primeira aproximación aos resultados, denomináronse dúas áreas comarcais como bilingües: O Morrazo (61,7%) e Lugo oriental (A Fonsagrada, Os Ancares e Terra de Lemos; 60%).

O perfil sociolingüístico destas dúas comarcas é diferente xa que, mentres O Morrazo se caracteriza por ser unha área bilingüe de corte castelanfalante, Lugo oriental é unha área bilingüe galegofalante (53,6%). Con todo, as diferenzas entre estas dúas áreas non acaban aí, senón que tamén abarcan aspectos xeográficos, demográficos ou socioeconómicos, moi ligados aos resultados sociolingüísticos.

A zona de Lugo oriental é unha zona xeograficamente montañosa, rural e que limita con Asturias e Castela e León, comarca dunha grande extensión territorial con pouca poboación (1,5% do total de Galicia). Esta área inclúe unha das entradas a Galicia desde a península
por onde transcorre o Camiño de Santiago e que pode estar influíndo en que zonas predominantemente galegofalantes fagan un uso bilingüe, amais de que a poboación galega realice parte da súa vida cotiá fóra dos límites territoriais de Galicia.

Por último, esta área estase a transformar en destino turístico de montaña onde o patrimonio cultural galego está a converterse nun valor que favorece a retención do galego a través duns usos bilingües. Pola contra, a península do Morrazo ten un tamaño xeográfico menor, é unha zona costeira ligada á pesca, galegofalante e socialmente deprimida.

Non obstante, durante estes últimos anos, está a converterse en zona turística
e nun territorio residencial de Vigo, especialmente de clases máis acomodadas. Estes cambios están modificando, como iremos analizando, a sociolingüística da comarca. Neste caso, O Morrazo converteuse na maior área comarcal bilingüe castelá de Galicia, superior incluso a comarcas como Ourense, Ferrol-Eume-Ortegal ou A Coruña e Betanzos.

Mapa das áreas comarcais galegas pola presenza do grupo de desgaleguizados (2013) / RAG

AS ZONAS PERIURBANAS, ÁS MÁIS CASTELANIZADAS

Os grandes centros urbanos non foron os máis afectados na perda de galegofalantes monolingües na primeira década do século XXI. En realidade, o perfil máis afectado foi o periurbano. Estes resultados confirman a existencia dos movementos migratorios das clases medias dos centros urbanos cara á periferia na busca de lugares máis favorables para residir.

As taxas máis negativas se corresponden co periurbano das grandes cidades galegas: Vigo (Nigrán, Redondela, Cangas, Moaña etc.), Pontevedra (Marín, Bueu), Santiago de Compostela (Ames), Coruña (Sada, Oleiros etc.), Ferrol (Ares, Fene, Neda, Narón etc.), Lugo (Rábade, Outeiro de Rei etc.) ou Ourense (Pereiro de Aguiar).

O desprazamento de monolingües en galego durante estes anos tamén afectou ao territorio caracterizado por ser entrada a Galicia (Ribadeo, Carballeda de Valdeorras, Tui, Arbo, A Guarda), concellos con intereses turísticos (Allariz, A Pobra do Caramiñal, Manzaneda, Sanxenxo, Miño), concellos con algunha singularidade (Avión, concello cunha significativa emigración mexicana) ou vilas urbanas (Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos).

Poucos foron os concellos que mantiveron ou aumentaron a taxa de monolingües e
estes están caracterizados por unha poboación escasa, con medias de idade
alta e moi relacionada co sector primario (Tordoia, Toques, San Xoán de Río,
Ponte-Caldelas, Mañón, Cerdido). As áreas comarcais do Morrazo, Ourense, Ferrol-Eume-Ortegal, A Coruña-Betanzos e Vigo perderon o 20% dos seus galegofalantes entre 2008 e 2013.

ÚLTIMAS

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...

A sentenza pola explosión de Páramos fixa indemnizacións por máis de 9 millóns e 4 anos de cárcere para o acusado

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 4 anos de prisión a Francisco...