InicioOpiniónA praza baleira e a nosa débeda con Martínez Garrido

A praza baleira e a nosa débeda con Martínez Garrido

Por Lois Pérez Leira, fundador da Asociación Viguesa pola Memoria do 36

PUBLICADO O

- Advertisement -

O outro día atopeime cunha imaxe tan chocante como reveladora: o busto do Rei Xoán Carlos I retirado do seu pedestal e colocado entre entullos durante unhas obras na praza que leva o seu nome. Non puiden evitar pensar que aquela escena era moito máis ca un simple accidente urbano. Para min foi unha metáfora dun tempo histórico que se esgota, dunha memoria que se esvae e, ao mesmo tempo, da oportunidade que se abre en Vigo para facer xustiza con quen deu a súa vida pola democracia.

Nese intre veu á miña mente a figura de Emilio Martínez Garrido, último alcalde republicano da cidade, industrial e político socialista, executado en agosto de 1936 tras un consello de guerra sumarísimo. A súa traxectoria sempre me pareceu exemplar: en poucos anos foi quen de impulsar proxectos sociais e culturais como as Colonias Escolares do Rebullón ou as bases do actual Museo Quiñones de León. Mais o que máis me impresiona del non son os logros materiais, senón a súa coherencia e o seu compromiso. Foi detido apenas un día despois do golpe, xulgado sen garantías e fusilado xunto a outros compañeiros, como o alcalde de Lavadores, José Antela Conde, e os deputados Antonino Bilbatúa, Ignacio Seoane e Enrique Heraclio Botana. Cada vez que penso no seu destino sinto que o seu nome non pertence só aos libros de historia, senón que segue a ser un símbolo de dignidade e resistencia fronte á barbarie.

Non podemos esquecer que Vigo foi un dos escenarios máis duros da represión franquista. Unha cidade cunha forte tradición obreira e sindical viu como se impoñía a sangue e lume unha nova autoridade que destituíu e asasinou aos seus representantes lexítimos. A eliminación de Martínez Garrido non foi un feito illado, senón un aviso a toda a cidadanía do que significaba o novo réxime. Por iso, cada vez que paso pola praza de Juan Carlos I e vexo agora o pedestal baleiro, pregúntome que queremos que diga ese espazo sobre nós. ¿Queremos seguir rendendo homenaxe a un monarca designado por Franco, cuxa figura hoxe divide e esperta rexeitamento, ou preferimos dedicarlle ese lugar a un alcalde e veciño que pagou coa súa vida a defensa da legalidade republicana?

Son consciente de que esta decisión non se toma só na rúa. O actual alcalde, Abel Caballero, ten nas súas mans a posibilidade de canalizar este debate e transformalo nun xesto institucional. Confío na súa intelixencia política e na súa sensibilidade cara á memoria histórica, e creo que saberá ler a oportunidade que se abre. Cambiar o nome da praza non sería un simple trámite, senón un acto de reparación e de xustiza, unha maneira de reconciliarnos co noso pasado e de educar ás novas xeracións sobre o que aconteceu en Vigo en 1936.

A imaxe do busto entre entullos, tan patética como reveladora, inspírame máis esperanza ca tristura. Dime que podemos deixar atrás símbolos incómodos e construír un espazo público que honre a quen deu a súa vida pola democracia. Eu non teño dúbidas: quero unha Praza Emilio Martínez Garrido no corazón da miña cidade. Sería unha maneira de mirar cara ao futuro sen esquecer, de dicir en voz alta que Vigo se recoñece en quen defendeu a liberdade e non en quen a negou.

ÚLTIMAS

Vertidos de augas fecais obrigan a Baiona a pechar dúas praias mentres seguen ondeando as súas bandeiras azuis

O Concello de Baiona anunciou hoxe a prohibición temporal do baño nas praias de Santa Marta e A Ladeira galardonadas recentemente co distintivo de bandeira azul da Asociación privada ADEAC. A medida chega despois de que o SERGAS publicase os resultados das analíticas correspondentes do pasado 14 de xullo, que, segundo fontes consultadas pola redacción, […]

Un home e unha muller morren nun accidente de tráfico no Porriño

Unha muller de 68 anos e un home de 62 anos...

O primeiro vehículo orbital español sairá de Nigrán: UARX Space lanza este outono Ossie rumbo ao espazo

A compañía UARX Space lanzará este outono Ossie, o primeiro vehículo de transferencia orbital...

O festivo da Reconquista pasará ao luns 29 de marzo por caer en domingo en 2027

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que este mes o goberno local aprobará...