A deputada do grupo Popular Teresa Egerique sinalou este domingo que a intención do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e dos socialistas galegos de propor a celebración dunha Deputación Permanente no Parlamento de Galicia sobre a designación de Corina Porro como delegada da Xunta en Vigo “é unha manifestación de que están moi nerviosos porque saben que este nomeamento vai ser moi positivo para a cidade, para Galicia e moi negativo para os intereses socialistas”.
“Resulta ridículo e unha papeleta que ten que facer o señor Leiceaga, ao ditado do señor Abel Caballero, a solicitude desta Deputación Permanente”, criticou Egerique, segundo recolle o PPdeG nun comunicado.
Para ela, os socialistas de Vigo e os de Galicia en xeral “están moi preocupados porque unha persoa como Corina Porro, unha exalcaldesa cunha lexitimidade absoluta na cidade e unha presenza ampla, que coñece moi ben todo Vigo e que traballou sempre por esta cidade, sexa a nova delegada da Xunta”.
A deputada popular indicou que se trata dun nomeamento “lexítimo e amparado pola lei”, ademais de ser “totalmente correcto e apropiado” dada as necesidades que ten agora a cidade de Vigo.
